Viaxe vista e non vista a Burgos para a cita copeira

Pontevedra
09 de xaneiro 2018

Os granates, que este mércores (20:00 horas) afrontará no estadio do Plantío a ida dos oitavos de final da Copa Federación, viaxarán a Burgos o mesmo día do partido por estrada. Luismi introducirá importantes cambios no once priorizando así o encontro de liga do próximo domingo en Bouzas

Luismi dirixe o adestramento do Pontevedra en Poio
Luismi dirixe o adestramento do Pontevedra en Poio / Mónica Patxot

O Pontevedra aparca por unhas horas a súa complicada situación en liga para afrontar a ida dos oitavos de final de Copa Federación ante o Burgos Club de Fútbol.

Os granates visitan este mércores (20:00 horas) o estadio do Plantío nun encontro que sitúan en segundo plano priorizando o choque do próximo domingo en liga ante o Rápido de Bouzas.

Por ese motivo o club decidiu que a expedición do equipo se desprace á localidade burgalesa o mesmo día do partido por estrada, saíndo á primeira hora da mañá desde a cidade de Lérez para percorrer en autocar os máis de 570 quilómetros que separan ambas as localidades e regresar xa á conclusión do encontro.

Todo un maratón que esperan non resulte decisivo ante o cadro adestrado por Patxi Salinas, oitavo clasificado na actualidade no Grupo II da Segunda  B e que chega á cita tras rabuñar un empate sen goles en Mieres. É un resultado que reflicte a realidade do Burgos na liga, equipo menos goleado (9) pero que non consegue anotar con facilidade (15 goles).

Luismi, que afrontará o seu segundo encontro no banco granate, confirmou que fará rotacións dando oportunidade a futbolistas que non actuaron o pasado domingo ante o Celta  B. 

PROSI, BAIXA ATA FEBREIRO

As probas médicas ás que foi sometido Prosi debido ás molestias que arrastraban durante os últimos determinaron que sofre unha lesión muscular de grao II, polo que estará preto dun mes afastado dos terreos de xogo.

Pola súa banda David Añón tamén presenta problemas físicos e exercitouse a menor ritmo que os seus compañeiros no inicio da semana, mentres que Kevin atravesou un proceso gripal.