Víctor Eimil ficha por un Pontevedra no que non seguirán Héctor Hernández e Mario Gómez

Pontevedra
12 de xuño 2025

O club granate confirmou este xoves a súa primeira fichaxe, o do lateral galego Víctor Eimil

Víctor Eimil, no partido da tempada 21-22 entre Pontevedra e Arenteiro Mónica Patxot

Tras case unha semana sen movementos públicos, o Pontevedra Club de Fútbol confirmou este xoves a súa primeira fichaxe, ademais de novas saídas no seu plantel.

A chegada é a dun vello pretendido na casa granate, o lateral galego Víctor Eimil.

Canteirán do RC Deportivo, Eimil soou como obxectivo granate tras o seu bo facer no Arenteiro en Segunda RFEF na campaña 21-22.

Con todo acabou recalando no Hércules, desde onde pasaría á Real Unión xa en Primeira RFEF. Nesta categoría, á que agora ascendeu o Pontevedra, disputou 55 encontros nas dúas últimas campañas.

O lateral dereito é a quinta peza confirmada no novo proxecto granate, xunto a Brais Abelenda, Álex González, Miguel Cuesta e Yelko Pino.

Os que non seguirán no equipo son os defensores Mario Gómez e Héctor Hernández.

En ambos os dous casos, puntualiza o club de Pasarón, "acaban contrato e non continuarán" no equipo a próxima tempada.

Dúas novas saídas que engrosan unha lista de baixas na que xa figuraban Dalisson de Almeida, Samu Mayo, Javi Fontán, Rares e Xabi Domínguez.