Vida ou morte. Todo ou nada. Só pode quedar un. Unha auténtica final vivirá o Teucro este sábado a partir das 19 horas no Polideportivo Rey Felipe VI de Madrid, no que se enfrontará Ikasa Boadilla. O que gañe manterase na División de Honra Prata, o que perda caerá a Primeira Nacional, unha categoría que o Teucro hai moitos anos que non pisa e que aínda ten 60 minutos por diante para evitar unha caída que podería ser tráxica para economía e a masa social do club.
Os de Irene Vilaboa chegan a esta decisiva cita nunha dinámica moi positiva, con dúas vitorias consecutivas, bo xogo e a confianza en lograr a permanencia disparada. Con todo, o refacho dos locais é aínda mellor, pois acumulan catro triunfos consecutivos e ademais xogan no seu propio estadio co seu público, polo que os azuis terán que dalo todo por dobregar ao rival e conseguir o premio da permanencia.
A receita para logralo é clara, pero executalo non será tarefa sinxela. A fortaleza mental é indispensable para superar un partido que se presenta moi igualado e no que haberá momentos de sufrimento. A fortaleza defensiva e o acerto en ataque son os outros dous ingredientes necesarios para regresar a Pontevedra coa salvación debaixo do brazo.