VÍDEO.- 130 quilómetros e 2.700 metros de desnivel acumulado para a primeira 4 Picos Road

Pontevedra
17 de xaneiro 2017

A primeira edición da Clásica Evaristo Portela, marcha cicloturista na estrada prevista finalmente para o día 18 de xuño, contará cun percorrido de 130 quilómetros con saída e chegada na Avenida Monterio Ríos e ascensións aos altos de Castiñeiras, A Fracha, Acibal e A Escusa

Perfil da primeira 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela
Perfil da primeira 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela

A primeira edición dos 4 Picos Road Clásica Evaristo Portela, prevista finalmente para o próximo 18 de xuño, empeza a tomar forma.

A organziación da marcha cicloturista desvelou o percorrido da proba, que contará na súa versión máis esixente con 130 quilómetros de percorrido e 2.700 metros de desnivel acumulado debido ás ascensións aos altos de Castiñeiras, A Fracha, Acibal e Monte Castrove, discorrendo polos municipios de Pontevedra, Marín, Campo Lameiro, Moraña e Poio.

Ademais habilitarase a opción de completar o percorrido con só dous portos de montaña (67 quilómetros) ou coas tres primeiras ascensións (97 quilómetros).

Entre os aspectos destacados da carreira, non competitiva, será a de realizar unha cronoescalada no último pico, o Monte Castrove pola súa vertente da Escusa, unha subida que foi hai uns anos final de etapa na Vuelta Ciclista a España.

As inscricións para os 4 Picos Road abrirán o vindeiro venres 20 de xaneiro a través da web www.pontevedra4picos.com. Mentres tanto para abrir boca a organización, a cargo da empresa Global DxT coa colaboración do Concello de Pontevedra, publicou o vídeo promocional da súa primeira edición.