VÍDEO.- A San Silvestre volve bater récords, con 6.450 corredores

Pontevedra
31 de decembro 2017

O mal tempo e as choivas intensas rexistradas durante os últimos días deron un respiro e a proba puido celebrarse baixo un ceo despexado. Á liña de meta chegaron en primeiro lugar, na categoría de mulleres, Edimar Brea, Sandra Mosquera e Uxía Pérez. Entre os homes, Antonio Serrat, Jorge Puig e Fernando Rial

Saída da XXXIV edición da Carreira San Silvestre de Pontevedra / PontevedraViva

Parecía imposible, pero volveu ocorrer. A Carreira San Silvestre de Pontevedra bateu este ano 2017, no seu XXXIV edición, todos o seu récords e contou con 6.450 participantes. Segundo os datos facilitados pola organización, retiráronse un total de 5.019 dorsais dos 7.000 dispoñibles, pero a participación aínda foi maior, con 1.431 persoas que se presentaron para correr a pesar de non haberse insrito previamente. 

O mal tempo e as choivas intensas rexistradas durante os últimos días facía presaxiar unha tarde pouco acolledora para poder correr esta xa tradicional carreira de fin de ano, pero, finalmente, a auga deu unha tregua e a proba puido celebrarse baixo un ceo despexado

Como xa é habitual, ata a avenida Montero Ríos de Pontevedra desprazáronse persoas de todas as idades, moitas en grupos e un bo número deles disfrazados ou completando a súa vestimenta con adornos do Nadal. En xeral, o ambiente resultou festivo e agradable e non houbo que lamentar incidentes destacables. 

A carreira partiu con 16 minutos de atraso e celebrouse sen maiores incidencias que un corredor cunha discapacidade que caeu nun momento do percorrido, que este ano se ampliou a cinco quilómetros e no que houbo, ent odo momento, un dispositivo de seguridade da Policía Local e Protección Civil de Pontevedra. 

Á liña de meta chegaron en primeiro lugar, na categoría de mulleres, Edimar Brea, Sandra Mosquera e Uxía Pérez. Entre os homes, os tres primeiros en chegar foron Antonio Serrat, Jorge Puig e Fernando Rial. Cabe destacar que o gañador masculino deste ano repite logro, pois xa logrou ese mesmo posto na edición de 2016.  

Como é costume, a Sociedade Ximnástica organizou paralelamente unha recollida solidaria de alimentos en favor de RedeAxuda e tanto o público como os participantes colaboraron na iniciativa.