VÍDEO.- Deportistas e usuarios de Rías do Sur concéntranse en protesta polo peche da piscina olímpica

Pontevedra
25 de marzo 2022

O Club Natación Galaico, o Galaico Sincro e o Club Waterpolo Pontevedra comandaron este venres unha concentración no complexo deportivo tras dúas semanas sen solución ao peche decretado pola concesionaria do servizo, Supera

Protesta no Complexo Deportivo Rías do Sur polo peche da piscina olímpica / PontevedraViva

Dúas semanas despois de que a empresa concesionaria Supera anunciase o peche da piscina olímpica de Rías do Sur, e sen aínda solución no horizonte, un bo número de persoas concentrouse este venres en sinal de protesta nas instalacións deportivas de Ponte Muíños.

A concentración estaba comandada polas entidades deportivas que teñen a súa base habitual de adestramento nesta piscina, como son o Club Natación Galaico, o Galaico Sincro e o Club Waterpolo Pontevedra, que suman entre todos eles ao redor de medio milleiro de deportistas federados.

A eles uníronselle usuarios, amigos e familiares cun berro unánime, #LaOlímpicaNoSeCierra.

Tal e como recoñecía un dos clubs á hora de convocar a concentración, o Galaico Sincro, "todos nos atopamos cun peche da lámina de auga inesperadamente e sen aviso previo/previo aviso, todo debido a un interese meramente económico que achacan ao prezo da enerxía", un argumento, o enerxético, que non se cren tendo en conta que Supera non asume o custo de quentar a auga da piscina.

Arquivado en