Vilaboa celebra por todo o alto os 50 anos de "paixón e compromiso" da SD San Adrián

Vilaboa
29 de maio 2025

O club celebra este sábado o seu 50 aniversario cunha xornada chea de actividades, sorpresas e sorteos; que estará marcada polo ambiente festivo

Un dos equipos históricos da SD San Adrián
Un dos equipos históricos da SD San Adrián / Concello de Vilaboa

A Sociedade Deportiva San Adrián celebra este sábado o seu 50 aniversario. Será cunha xornada repleta de actividade e de emocións e na que os protagonistas serán todos aqueles que coa súa implicación fixeron posible esta primeira parte da historia da entidade.

Cunha carpa para protexerse dun intenso sol que brillará para acompañar a celebración, o día arrancará cunha celebración litúrxica na que se recordará aos que xa non están e continuará cun xantar, música, sorteos, sorpresas e minifestival ata ben entrada a medianoite.

A Sociedade Deportiva Cultural San Adrián cumpre medio século de vida e a súa historia, destacan desde o Concello, é a crónica dunha comunidade que sempre soubo que o deporte é moito máis que unha competición.

Era 1975 cando Manuel Fresco Reboredo, párroco de San Adrián, tivo unha desas ideas que nacen do corazón: crear un club de fútbol que servise non só para promover o deporte, senón para xuntar á xente ao redor de valores como o esforzo, a solidariedade e o amor pola terra.

Acompañárono nesta aventura Santiago Dios Otero, Francisco Fernández Crende, Francisco Casal Calvar e Francisco Iglesias Acuña. Cinco homes con visión, cinco nomes que hoxe están gravados na memoria do club e que sentaron as bases do que había de vir.

O primeiro partido oficial foi no campo de Pasarón, en Pontevedra, ante o Atlético Pontevedrés, e o marcador de 11-0 non desanimou a ninguén. Todo o contrario: confirmou que estaban empezando desde abaixo, como hai que facer as cousas ben feitas.

O 16 de novembro de 1975 foi unha data histórica, a da inauguración do campo actual cun amigable fronte ao Alondras CF, pero se hai un momento que define o que pode chegar a significar o fútbol para unha comunidade, ese foi o 19 de xullo de 1978.

No campo de Chan do Cura, nun partidazo que se foi á prórroga, o San Adrián proclamouse campión da Copa Rías Baixas tras vencer ao Moaña CF por 3-2. O gol decisivo foi de Amancio, un nome que quedou para sempre na lenda do club.

Equipo feminino da SD San Adrián
Equipo feminino da SD San AdriánConcello de Vilaboa

Desde aquela primeira participación na 1ª División do Campionato Comarcal do Morrazo, onde quedaron novenos entre catorce equipos, o San Adrián non parou de crecer.

Os números falan por si sos: 4 tempadas na 3ª Rexional, 27 na 2ª Rexional e 18 na 1ª Rexional, cincuenta anos nos que foron 15 presidentes, 34 adestradores e máis de 100 directivos os que deixaron a súa pegada na entidade.

Hoxe, o San Adrián é moito máis que o equipo sénior que compite na 1ª Futgal e que, tras unha tempada chea de lesións, descendeu nesta data tan especial.

É un ecosistema deportivo completo: os veteranos na Primeira Galicia mantendo viva a paixón; o xuvenil formando aos futbolistas do mañá na 3ª Futgal; e, especialmente, o equipo feminino de F7 que representa o futuro, con 25 rapazas de entre 13 e 17 anos.