Vilagarcía empeza a vivir a Rolda Elite Sub-19

O Salnés
01 de abril 2019

As seleccións nacionais de Hungría, Serbia e Irlanda competirán estes días no Estadio da Lomba, completando o grupo España xogando os seus encontros en Santiago de Compostela. Varios campos de fútbol da comarca acollerán os diferentes adestramentos dos equipos

Presentación do Torneo Internacional Rolda Elite Sub-19 en Vilagarcía
Presentación do Torneo Internacional Rolda Elite Sub-19 en Vilagarcía /

A Rolda Elite Sub-19 de fútbol feminino, torneo internacional clasificatorio para o Campionato de Europa que se vai a disputar no verán en Escocia, empeza a facerse notar en Vilagarcía de Arousa.

O Estadio Municipal da Lomba será un dos dous escenarios que acollerán os partidos, xunto ao Verónica Boquete San Lázaro de Santiago de Compostela, onde xogará a Selección Española. Pola capital arousá pasarán pola súa banda os combinados nacionais de Hungría, Irlanda e Serbia.

O Concello e a Real Federación Galega de Fútbol presentaron este luns os encontros que se xogarán na localidade, o Hungría-Irlanda (3 abril, 13:00 horas), Irlanda-Serbia (6 abril, 13:00 horas) e Serbia-Hungría (9 abril, 18:30 horas), todos eles con entrada de balde para o público aínda que é necesario retirar invitación nos despachos de billetes do estadio desde hora e media antes do partido.

"Este é un evento que se estende a toda a comarca do Salnés con adestramentos dos equipos en bastantes campos da zona, de maneira que facemos partícipes a moitos clubs e localidades", sinalou na rolda de prensa o vicepresidente federativo, José Manuel Fernández.

De feito, os campos de Baltar en  Portonovo, San Pedro en Vilalonga,  Burgáns en Cambados, A Senra en Ribadumia, Salvador Otero da Illa,  Zacande, Dena ou Mosteiro acollerán algún dos adestramentos das seleccións nacionais ao longo da semana na que estarán nas Rías Baixas.

O concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Miro Serén, e o presidente do Arousa  SC, Manuel Abalo, completaron a presentación do evento.