Vitoria insuficiente para o Poio Pescamar, que queda fóra do play-off polo título (1-3)

Poio
11 de xuño 2022

O cadro conserveiro necesitaba unha carambola para poder pelexar polo título xa que debía gañar e perder o Melilla Torreblanca, que conseguiu unha vitoria moi traballada sobre un Alcorcón que llo puxo complicado

Partido de liga entre Poio Pescamar e Elche
Partido de liga entre Poio Pescamar e Elche / Cristina Sáiz

O Poio Pescamar fixo os deberes este sábado na súa visita o Móstoles pero a vitoria foi insuficiente para clasificarse entre os catro primeiros e disputar o play- off polo título de liga. O cadro conserveiro necesitaba unha carambola para poder pelexar polo título xa que debía gañar e perder o Melilla Torreblanca, que conseguiu unha vitoria moi traballada sobre un Alcorcón que llo puxo complicado.

O que tamén tivo que sufrir para lograr o triunfo foi o Poio, que pelexou con uñas e dentes para lograr o amargo triunfo.

Comezou o partido con igualdade sobre o terreo e ocasións para os dous conxuntos, pero foron as vermellas as que se adiantaban con goles de Luci e de Jane para ir 0-2 ao descanso.

Xa na segunda parte o Poio comezou a sufrir. No minuto 25 reducía distancia o Móstoles cun disparo de Inma a media altura, que obrigaba ás visitantes para empregarse ben a fondo para aguantar o empuxe rival e sempre pendentes do resultado entre Alcorcón e Torreblanca.

Optou polo xogo de cinco o equipo madrileño en busca da reacción, pero as conserveiras souberon aproveitar o descoloque defensivo do rival para pechar a vitoria cun tanto de Dani Sousa.

Mentres tanto en Alcorcón, o Torreblanca gañaba por 2-3 e conseguía a clasificación para o play- off polo título de liga no que tamén estarán o Atlético Navalcarnero, o Burela e o STV Roldán.

Móstoles (1): Ari, Inma, Patri Chamorro, Rafinha e Benete (cinco inicial). Tamén xogaron, Sara Santos, Myrielen, Celia, Adara e Clara Chaves.

Poio Pescamar (3): Caridad; Irene, Luci, Ana Rivera e Dani Sousa (cinco inicial). Tamén xogaron, Chiesa, Dupuy, Anna Escribano, Martita e Jane.

Goles: 0-1, min. 10 Luci. 0-2, min. 13 Jane. 1-2, min. 25 Inma. 1-3, min. 40 Dani Sousa.

Incidencias: Villafontana. Colexiados, Jorge González Moreta e Luís M. Sánchez Chamorro. Amoestaron a Benete e Inma no Móstoles e Ana Rivera no Poio Pescamar.