Vitoria sobre a bucina e respiro para o Leis na Segunda División feminina

Pontevedra
13 de marzo 2017

As pontevedresas venceron no Municipal ao Pirata Moaña e retoma o pulso na loita pola permanencia na categoría  

Partido entre Leis e O Pirata Moaña no Municipal
Partido entre Leis e O Pirata Moaña no Municipal / Leis Pontevedra FS

Importante triunfo o conseguido polo Leis Pontevedra ante O Pirata Moaña (3-2) na súa loita por escapar dos postos de descenso na Segunda División Feminina de fútbol sala.

A fortuna sorriu esta vez ao equipo pontevedrés nun partido intenso e igualado que se decidiu con épica final grazas a un gol de Patri sobre a bucina.

Arrincou o Leis o partido cunha marcha máis que o seu rival e en apenas uns segundos xa chegou con perigo ao marco rival. De feito, antes de cumprirse o minuto de xogo Patri puxo o 1-0 no marcador. A presión alta das locais daba os seus froitos con roubos e rápidas transicións, que desembocaron no segundo gol aos sete minutos, obra de Ali.

Con todo a alegría durou pouco e na seguinte xogada o equipo moañés recortaba distancias no seu primeiro lanzamento a porta. Cambiou a dinámica e as visitantes pasaron a dominar, conseguindo a igualada no minuto 9 por medio de Paula.

Raúl tivo que parar o partido e conseguiu equilibrar o xogo. Desde ese momento a intensidade foi a tónica dominante, con grandes ocasións para o Leis ata o descanso, pero a madeira e a mala xestión dunha superioridade numérica evitou que se reflectise no electrónico.

Tralo descanso O Pirata deu un paso á fronte e pasou de novo a dominar, co Leis esperando a súa opción á contra. Pasaban os minutos e os goles non chegaban pese ás ocasións. A tensión era máxima coas locais xa con cinco faltas ata que a falta de segundos as pontevedresas montaron unha contra que terminou en libre indirecto a case 15 metros da portería rival. Faltaban só dous segundos, tempo suficiente para que Mar conectase un duro disparo que Patri empuxou a gol á vez que soaba a bocina final.

O triunfo fai que o Leis Pontevedra escape da última posición adiantando a dous rivais e sitúase con 17 puntos na táboa antes de visitar a un rival directo, o Simancas.