Volta ás Series Mundiais para Gómez Noya antes de competir en Pontevedra

Pontevedra
25 de abril 2019

O triatleta galego, un dos máximos favoritos ao título no Campionato do Mundo de Longa Distancia que se celebrará en Pontevedra, regresa este sábado 27 de abril en Bermuda ás Series Mundiais, máxima competición na modalidade olímpica, coa mente posta en Tokyo 2020

Gómez Noya na Copa do Mundo de New Plymouth
Gómez Noya na Copa do Mundo de New Plymouth / Jo Caird / ITU Media

Chegou a hora. Javier Gómez Noya regresa este sábado 27 de abril á máxima competición do tríatlon olímpico, as Series Mundiais, na primeira gran cita da súa tempada.

O campionísimo galego competirá en Bermuda, segunda cita do calendario, coa intención de probarse na distancia olímpica pensando na clasificación para  Tokyo 2020, e farao só unha semana antes doutra das carreiras marcadas en vermello no seu calendario, o Campionato do Mundo de Longa Distancia de Pontevedra do día 4 de maio.

Gómez Noya debutou este curso vencendo no Ironman 70.3 de Geelong, e despois foi quinto na Copa do Mundo de New Plymouth baixo distancia sprint. 

Agora en Bermuda, tras unha tempada pasada centrada no Ironman, volve á distancia olímpica, onde é o triatleta con maior palmarés con cinco títulos mundiais.

Na liña de saída da segunda proba das Series Mundiais, tras a de Abu Dhabi na que o deportista galego non competiu, Javi Gómez Noya medirase co actual campión, o mallorquino Mario Mola, o surafricano Henri Schoeman, o británico Jonathan Brownlee, o portugués Joao Silva, o francés Vincent Luis ou o eslovaco Richard Varga, entre outros. 

A armada española, ademais de Gómez Noya e Mario Mola, complétana Fernando Alarza, Vicente Hernández e o vigués Antonio Serrat na categoría masculina e Carolina Routier e Sara Pérez na feminina.

A carreira das Series Mundiais de Bermuda comezará ás 18:00 horas do sábado (hora española).