Volve a liga para o Poio FS cunha complicada saída a Burela

Poio
08 de xaneiro 2015

As vermellas visitan ao terceiro clasificado o sábado ás 16:00 horas. Salvo Zulú o resto de futbolistas están a disposición do técnico

Gonzalo Iglesias 'Morenín' durante o partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle
Gonzalo Iglesias 'Morenín' durante o partido entre Poio FS e Viaxes Amarelle / Diego Torrado

Tras a disputa do Mundial en Costa Rica, no que estivo presente Silvia Aguete, e o parón de Nadal, a Primeira División de Fútbol Sala volve esta fin de semana á normalidade e faino cun esixente duelo para o Poio FS.

O conxunto vermello rende visita o sábado 10 de xaneiro ás 16:00 horas ao actual terceiro clasificado, o Burela.

Non estará só o equipo adestrado por Gonzalo Iglesias 'Morenín', pois a peña Os Miñocas confirmou o desprazamento dun autocar de afeccionados para animar as súas xogadoras.

Salvo Zulú, que segue de baixa, Morenín poderá contar co resto de futbolistas, unha vez que Nerea Moldes está plenamente recuperada.

Ademais do choque en Burela o Poio afronta un difícil calendario no regreso da competición, pois tamén terá que xogar neste mes de xaneiro ante o Cidade das Burgas, segundo na táboa.

Dous partidos que marcarán a situación e aspiracións vermellas, que marchan sextas despois dun brillante inicio de liga.