Volve a Meis o campionato solidario de golf en favor da AECC

O Salnés
07 de agosto 2020

O torneo celebrarase os días 11 e 12 de agosto co obxectivo de recadar fondos para financiar as atencións que presta a Asociación aos pacientes con cancro e tamén para axudar na investigación

Campo de golf de Meis
Campo de golf de Meis / CETS

A décimo oitava edición do Circuito de Golf solidario xa está en marcha. Este torneo promovido pola Asociación Española Contra o Cancro da provincia de Pontevedra e a Obra Social A Caixa desenvolverase ata o mes de setembro en diferentes campos de golf da provincia.

Esta iniciativa solidaria ten como obxectivo recadar fondos para o mantemento dos programas e servizos gratuítos que ofrece a asociación a pacientes oncolóxicos e familiares. Ademais, o 18% da recadación será destinada ao financiamento de proxectos de investigación.

As competicións desenvolveranse sempre en modalidade individual e con dúas categorías de hándicap interior e superior e con saída a tiro.

A celebración do torneo no campo de golf de Meis está prevista para os días 11 e 12 de agosto. Tamén haberá eventos nas sedes do Aero Club de Vigo e do Ría de Vigo.