Volven os adestramentos ao campo de Príncipe Felipe, pero os partidos terán que esperar

Pontevedra
15 de novembro 2023

A Deputación habilitou un vestiario do pavillón de Príncipe Felipe para poder retomar a actividade mentres non se comenten as obras previstas

Campo de fútbol da Cidade Infantil Príncipe Felipe
Campo de fútbol da Cidade Infantil Príncipe Felipe / Diego Torrado

Os equipos que utilizan habitualmente o campo de fútbol da Cidade Infantil Príncipe Felipe poderán retomar alí a súa actividade para adestramentos.

Así o confirmou tras unha visita ás instalacións o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez, acompañado do deputado Javier Tourís.

A institución provincial acordou coa Real Federación Galega de Fútbol a utilización da instalación só para adestramentos, e non para partidos e competicións, tras apontoar o muro perimetral de contención do campo e mentres non se resolvan as deficiencias actuais.

Para iso a Deputación habilitou un vestiario do pavillón de Príncipe Felipe, pois unhas das obras de urxencia pendentes de executar céntranse nos vestiarios do campo, asolagados polas choivas do último mes e necesitados de melloras.

Segundo sinala a administración titular das instalacións entre as obras xa realizadas e as pendentes de acometer, entre as que se atopa unha mellora da iluminación, vaise investir unha cantidade próxima aos 190.000 euros.