Volver encher o Municipal, obxectivo do Teucro cara ao importante partido ante o Bordils

Pontevedra
15 de abril 2015

As contas do equipo azul para lograr o ascenso pasan por gañar os tres partidos que restan na casa. Ante o Bordils (sábado, 20:00 horas), cada socio poderá retirar dúas entradas de balde para os seus acompañantes

Aspecto que presentaban as bancadas do Pavillón Municipal durante o Teucro-Atlético Valladolid
Aspecto que presentaban as bancadas do Pavillón Municipal durante o Teucro-Atlético Valladolid / Diego Torrado

Restan cinco partidos para o final da liga regular e o Teucro ten claras as súas contas. Con cinco puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o Go Fit Sinfín, abondaríalle con gañar os tres encontros que aínda debe xogar como local (Bordils, Barcelona B e Palma del Río) para asegurarse o ascenso á Liga Asobal.

Conscientes diso dende o club traballan para volver encher o Pavillón Municipal dos Deportes, onde contan todos os seus partidos por vitorias, o próximo sábado (20:00 horas) ante o Handbol Bordils.

A entidade pontevedresa busca repetir o grande ambiente que axudou a tombar o Atlético Valladolid e por iso decidiu regalar dúas entradas a cada socio para os seus acompañantes.

Ademais o prezo das entradas para o público rebáixase dos 12 euros habituais durante a tempada a 10.

No deportivo o equipo teucrista traballa xa con intensidade recuperado da terceira derrota, a sufrida en Santander, encaixada en 25 xornadas de liga. Faino ademais sen problemas físicos que comprometan a presenza dos xogadores azuis no tramo final da tempada.