Listo para a batalla deportiva.
O Club Waterpolo Pontevedra presentou os equipos cos que competirá esta tempada, demostrando a súa boa saúde.
A entidade pontevedresa contará este curso con representación nas categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta.
Todo iso contando cun conxunto sénior feminino que por cuarta tempada consecutiva competirá na Primeira División Nacional e que volve ser a punta de lanza do club.
O acto de presentación celebrouse no edificio administrativo da Xunta de Galicia e contou coa presenza de diversas autoridades.
Alí estaban a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o vicepreseidente da Deputación, Rafa Domínguez; o delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera; e o presidente da Fundación Rías do Sur, Serafín Piñeiro.
A guinda a esta celebración púxoa o sábado o equipo absoluto masculino do Waterpolo Pontevedra ao proclamarse campión da Supercopa Galega ao vencer o CW Santiago por 12-5 na piscina de Rías do Sur.
Polo que respecta ao equipo de Primeira Nacional Feminina, ten previsto o seu debut oficial na liga este mesmo sábado 11 de outubro, aínda que a súa estrea se producirá a domicilio visitando a piscina do CN Cuatro Caminos madrileño.