O Waterpolo Pontevedra sumou o seu sexto triunfo consecutivo no Grupo B da Primeira División Feminina tras imporse por 7-11 ao Boadilla.
O encontro comezou igualado, ata que un gol de Andrea Andión ao termo do primeiro cuarto puxo por diante ás pontevedresas (2-3).
No segundo acto Andrea Prados ampliou a vantaxe até un 2-4, pero nun visto e non visto o conxunto madrileño devolveu a igualdade da man de Nora de Vicente e Lucía Peragón.
O Waterpolo Pontevedra volveu reaccionar cun parcial de 4-7 antes do descanso, que se reduciu a 5-7 tras un gol de Paula Piqueras.
Despois do paso polos vestiarios, a solidez defensiva e a falta de acerto de cara a portaría foi a tónica constante, Andrea Andión para as visitantes e Natalia Domínguez para o Boadilla como únicas goleadoras (6-8).
No último cuarto o equipo pontevedrés pisou o acelerador e dominou todo o período para pechar o encontro cun marcador de 7-11.
Con este resultado, o Waterpolo Pontevedra suma o seu sexto triunfo esta tempada e mantense líder en solitario con 17 puntos na marcadora, cinco máis que o Elx e L'Hospitalet, segundo e terceiro respectivamente.
Consulta as estatísticas neste enlace