Xisela Aranda revalida un ano máis o seu título de campioa de España de Squash

Pontevedra
11 de abril 2016

A deportista do Squash Pontevedra alzouse por sétimo ano consecutivo co título nacional no Campionato de España celebrado en Madrid

Xisela Aranda posa co seu sétimo título de campioa de España
Xisela Aranda posa co seu sétimo título de campioa de España / Squash Pontevedra

Por sétimo ano consecutivo, Xisela Aranda alzouse co título de campioa de España de squash tras o torneo celebrado a fin de semana en Madrid.

A deportista de Squash Pontevedra revalidou o seu título tras vencer na final, por un claro 3-0, a Cristina Gómez.

Antes, Xisela vencera a María González en primeira rolda (3-0), Inés Gómez en cuartos de final (3-0) e Marina de Juan en semifinais (3-2), nun igualado partido de 90 minutos.

Tamén participaron no Campionato de España Absoluto outros dous deportistas do Squash Pontevedra, Juan Simal e Sergio Fernández.

Juan perdeu na xornada inicial ante Eduardo Razquin, mentres Sergio meteuse no cadro principal ao vencer en primeira rolda ao palentino Jorge Nebreda (3-1) pero perdeu en oitavos de final ante Álex Garbí (3-0).