Enfrontamentos claves esta fin de semana para Poio Pescamar e Marín Futsal, que queren reconducir o seu rumbo na liga e sumar, se é posible, de tres en tres.
Abrirá a xornada de sábado o equipo vermello, que se enfrontará a partir das 15:15 horas ao Les Corts, equipo debutante na máxima categoría e que gañou na Seca por 1-2.
Trátase, sen dúbida, do equipo revelación en liga, marcha sexto na clasificación un punto por encima das conserveiras e ten nas súas filas a Luci, ex do Poio e a súa máxima anotadora con 10 goles.
Con todo, a gran novidade para a cita será a convocatoria de Anna, que volverá xogar tras unha longa recuperación dos seus problemas no xeonllo.
No caso das marinenses, recibirán na Raña ao Atlético Torcal (17:00 horas), un rival directo pola permanencia polo que será de vital importancia conseguir os tres puntos.
Neste sentido, as de Ramiro Díaz tentarán non só gañar, senón facelo por dúas ou máis goles de diferenza e así superar o golaverage do choque de ida (2-1) para asaltar a 13 praza de permanencia.
Na lista de convocadas non hai sorpresas e o técnico de Marín poderá contar con todos os seus efectivos salvo contratempos de última hora.