Momento importante para o futuro do Club Cisne Balonmán na Liga Asobal.
Tras semanas complicadas pola praga de lesións que afectou o plantel pontevedrés e nas que encadeou sete derrotas consecutivas, o conxunto adestrado por Javier Márquez visita este venres 2 de decembro (20.30 horas) a pista dun rival directo pola permanencia como é o BM Guadalajara.
A pesar da súa mala serie o Cisne mantense con 6 puntos fóra da zona de descenso directo, pero só avantaxa nun punto ao seu próximo rival, que pecha a táboa.
A nota positiva para os pontevedreses é a recuperación de efectivos para as dúas finais que restan antes do parón, e é que ademais do regreso ás pistas de Bruno Vázquez e Román Arboleya na última xornada de liga, Gabriel Cavalcanti recibiu a alta médica tras semenas fóra de combate por unha rotura dos ósos do nariz.
Co regreso do portugués e esperando melloría no estado dun tocado Alejandro Conde, Márquez suma bazas especialmente para a liña defensiva, moi mermada no centro do 6-0 por estas lesións e a de Iván Calvo.
Unha dose extra de moral para un plantel cisneísta centrada en tentar sumar puntos como autoregalo de Nadal.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.