Xornada de promesas da natación na piscina olímpica

Pontevedra
13 de decembro 2016

A piscina de Complexo Deportivo Rías do Sur congregou máis de 200 nadadores para unha xornada deportiva destinada ás categorías promesa e alevín

Segunda xornada da Liga Promesas de natación
Segunda xornada da Liga Promesas de natación

Máis de 200 nadadores deron cor á fin de semana deportiva no Complexo Deportivo Rías do Sur.

Alí disputouse, baixo a organización do Club Natación Galaico, a segunda xornada da Liga Promesas e da Liga Alevín.

Na primeira das categorías tomaron parte 113 pequenos nadadores de seis clubs: Galaico, CN Baixo Miño, CN Ponteareas, CN Sanxenxo, CN Boiro e CN Vilagarcía. Nadaron todos eles as probas de 25 metros costas e a remuda 5x50 libre.

Pola súa banda na categoría alevín competiron ata 103 deportistas de RCN Vigo, Codesal A Guarda, CN Rías Baixas, CN Redondela, CN Ponteareas, CN Sanxenxo, CN Salnés, CN Mos, CN Vilagarcía e o Club Natación Galaico. Nesta idade disputáronse probas de 1.500 metros, 200 libre, 200 costas e remudas 8x50 mixto.