Yago Iglesias e o 'ascenso' de Guèye: "De aquí a final de tempada seguro que ten participación no primeiro equipo"

Pontevedra
26 de xaneiro 2024

O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol asegura que o senegalés "segue a ser xogador do filial", pero tras os seus primeiros adestramentos en dinámica do primeiro plantel non descarta recorrer a el ao longo da tempada. "Adestrou esta semana polo seu bo facer. O seu día a día e o seu rendemento no filial está a ser dun nivel enorme", defende

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón
Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Gimnástica de Torrelavega en Pasarón / Cristina Saiz

Unha das noticias da semana no Pontevedra Club de Fútbol foi o 'ascenso' ao primeiro equipo, polo menos á dinámica de adestramento do plantel de Segunda RFEF, de Libasse Guèye.

A iso entre outras cuestións referiuse Yago Iglesias este venres na súa habitual rolda de prensa previa á xornada de competición, asegurando que tanto Guèye como o recentemente fichado Fran López, dianteiro con ficha do filial, "son xogadores que temos moi en conta e que estou convencido que de aquí a final de tempada seguro que teñen participación no primeiro equipo".

No que respecta ao senegalés "adestrou esta semana polo seu bo facer, porque desde o seu chegada ao filial o club está moi contento con el, o seu día a día e o seu rendemento no filial está a ser dun nivel enorme", explicou o técnico confirmando en todo caso que "é un xogador que segue a ser do filial pero que estamos a ver e que eu persoalmente quero coñecer en primeira persoa".

BOAS SENSACIÓNS CON ÁLEX GONZÁLEZ

O que deu un paso á fronte nas últimas horas, na súa recuperación, é o capitán Álex González, que iniciou a semana a menor ritmo que os seus compañeiros pero que incrementou o nivel completando co grupo a sesión deste venres.

"As sensacións son boas", recoñeceu o adestrador granate, aínda que se esperará a última hora para decidir se entra na convocatoria ou por se o contrario descansa unha semana máis para non arriscar a unha recaída.

Yago valorou ademais a próxima xornada de liga, a que medirá o Pontevedra o vindeiro domingo 28 (17.00 horas) a domicilio co Langreo, un conxunto que "non é o mesmo equipo" que saíu goleado na primeira volta en Pasarón e que de feito pelexa por entrar no play-off de ascenso.

"Na súa casa non perdeu ningún partido", avisa o adestrador pontevedrés sobre o perigo dun encontro que ademais se xogará sobre céspede artificial, aínda que "é diferente ao resto porque é un campo grande", aspecto que pode beneficiar para unha mellor adaptación do equipo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora