Sen confianzas. Así recibirá este domingo 19 de novembro en horario pouco habitual (18.00 horas) o Pontevedra Club de Fútbol á Arandina, penúltimo clasificado, no Estadio Municipal de Pasarón.
Polo menos é o que asegura o adestrador granate, Yago Iglesias, defendendo que o seu próximo rival "ten xogadores de moito nivel e a clasificación é enganosa".
O que espera o técnico é un adversario "moi vertical e físico. Teñen pernas e moita altura. É o equipo que máis caneos busca e un dos que máis pases cara adiante dá, iso reflicte un pouco a súa idea de xogo. Ademais transita moi ben e chega con moitos efectivos", avisa o preparador.
Por todo iso Yago pide que o partido non se devía cara a duelo individuais nos que "teñen moitas opcións de gañar", senón que "é máis importante que nunca o traballo colectivo".
Lembra ademais o técnico que a Arandina segue con vida en Copa do Rei despois de ter eliminado o Real Murcia de Primeira RFEF, unha Copa que en todo caso non desviará a súa atención porque "estou convencido de que teñen moi claro que o seu obxectivo inmediato pasa por nós".
A nota máis positiva para o Pontevedra é que salvo o lesionado Marcos Barbeiro o resto de integrantes do primeiro plantel están dispoñibles para o encontro.