Pasarón volve abrir as portas este domingo 19 de xaneiro para acoller un novo encontro de liga do Pontevedra Club de Fútbol.
Será a partir das 17:00 horas ante todo un Compostela, que chega á cita tras rascar un empate fronte ao Numancia no desconto e que obriga os granates a "estar alerta e ser cautos á hora de afrontar o partido", sinalou Yago Iglesias.
Para o técnico, "a clasificación non reflicte o que son os equipos" e considera que o conxunto santiagués, a pesar de estar na zona media-baixa da táboa, "é un equipo que compite moi ben, ten moi bos xogadores para a categoría e púxollo moi difícil a todos os rivais".
Sen ir máis lonxe, no partido de ida no Vero Boquete o Pontevedra ía gañando 0-2 e o Compos remontou no tempo extra, igual que ocorreu fronte ao equipo soriano. Por iso, Iglesias confía en que os seus xogadores transmitan o que se viu até o momento, especialmente en Copa do Rei, e deixen o tres puntos na casa.
De feito é que a esixencia que supuxo o Torneo do KO obrigou aos granates a recuperar case tempo en marca, sobre todo aos xogadores que xogaron 90 minutos tanto contra o Getafe como en Valladolid.
En todo caso, "o equipo está ben", pero non será até o domingo cando vexamos como afronta a carga de minutos ademais das baixas de Chiqui, Samu Mayo e Pelayo, que obrigarán Iglesias a tirar de xogadores do filial para completar o plantel e a reinventarse sobre o verde.
"Para o 11 titular", sinala o técnico, "non temos problemas nin dúbidas, hainas con que completamos o plantel", pero será este sábado, un día antes do enfrontamento, cando "elixiremos que perfil encaixa entre os que adestran habitualmente".
Ante esta necesidade de fichar e co mercado aínda aberto, o adestrador granate lembrou que o club está a traballar niso. "Hai nomes e opcións, pero de momento non hai nada. O día que aparezan os xogadores vestidos de curto poderemos falar de realidades", recoñeceu.