Superada a resaca da vitoria copeira fronte ao Levante, o Pontevedra Club de Fútbol xa está centrado no que realmente lle interesa: o enfrontamento de liga deste domingo fronte ao Llanera (12:00 horas) co que poderá "o broche final" a "unha moi boa semana".
Os granates, líderes do grupo A de Segunda RFEF, gañáronlle ao Bergantiños en Pasarón, pasaron a eliminatoria de Copa do Rei e agora tócalles outra vez medirse nun terreo de xogo "complicado" a un equipo "moi complexo".
"Vimos de boas semanas, pero esta en especial serve para reforzarnos", afirmou o técnico Yago Iglesias na rolda de prensa previa ao encontro. "O importante para nós é cada sete días, por iso lonxe de quedarnos atrapados nesa nube e na boa imaxe que deu o equipo o martes, o mércores puxémonos ao choio" para centrarse na "dificultade do contexto deste fin de semana".
O Llanera "non vai cambiar nada porque vaia o Pontevedra", subliñou o adestrador, quen indicou que os granates deberán estar a un nivel "moi alto" á hora de defender para así frear o xogo vertical do rival, que se verá favorecido polas pequenas dimensións do terreo de xogo que farán "que todo se iguale tremendamente".
Por ese motivo, o conxunto lerezano pensa en "sacar o mellor once en función do partido que queremos", recoñeceu Iglesias, quen non poderá contar con Yelko Pino e Samu Mayo por acumulación de cartóns.
O que está claro é que as rotacións e os movementos ao longo destes días demostraron que "xogue quen xogue vaino a facer moi ben. Teño confianza en todos os xogadores, só depende deles. Sacaremos un equipo competitivo para sacar o tres puntos nun contexto moi específico e influente que hai que ter moi en conta".
Será, en todo caso, un partido no que o Pontevedra deberá estar concentrado os 90 ou 95 minutos que dure para dar un paso de xigante "nesoutro fútbol", xa que nese tipo de escenario de calquera xogada asilada e de calquera acción poden aparecer ocasións de gol. "De ser así, sinalou Yago Iglesias, "teñen que ser da nosa parte".