O Pontevedra Club de Fútbol afronta este sábado 15 de abril (19.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón, unha nova reválida no seu obxectivo de pelexar pola permanencia na Primeira RFEF coa visita do Mérida, actual oitavo clasificado.
Todo o que non sexa sumar de tres sería un duro contratempo para un equipo granate que "está que morde, pero non pode ata que se dea o asubío inicial", afirma Juan Señor.
O técnico citou a 22 futbolistas, os 20 dispoñibles do primeiro equipo máis dous xogadores con ficha do filial. Entre eles atópase un Yelko Pino que tras as súas últimas ausencias regresa a unha convocatoria.
"Imos metelo en convocatoria, queremos que colla a dinámica, a pesar de que adestrou diferente queremos que estea aí. Se considerase que pode xogar máis ou menos minutos está en disposición", defendeu Señor intendando despexar as dúbidas abertas en relación co centracampista nas súas últimas comparecencias.
O que non vestirá de curto aínda é Rufo, sendo "o único que imos preservar", explicou o adestrador en relación aos tocados. Así Masogo tamén entrou na lista a pesar das molestias que arrastra.
En canto ao capítulo de baixas, Churre está totalmente descartado pola lesión muscular que sufriu en Alcorcón, así como Viktor Nikolov e o sancionado Pablo Cacharrón.
Señor avanzou ademais que espera ante o Mérida un "partido moi duro" ante un equipo "que está moi ben traballado, son moi prácticos, saben xogar a pelota e teñen xente moi rápida para transicionar". A pesar diso, o que ten claro o Pontevedra é que debe saír a por todas porque "non estamos en circunstancias de dicir que nos vale un empate".