Yelko Pino: "Que haxa xente que non baixou do barco reconforta moito e dálle forza ao equipo"

Pontevedra
04 de setembro 2024

O centrocampista do Pontevedra valora positivamente o apoio recibido na primeira xornada de liga por parte da bancada de Pasarón, así como o desprazamento de afeccionados que se espera para o vindeiro domingo en Santiago de Compostela

Yelko Pino, adestrando co Pontevedra na Xunqueira
Yelko Pino, adestrando co Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

Importante para o Pontevedra Club de Fútbol foi empezar a liga cunha vitoria, pero tamén para o plantel granate foino o apoio recibido na primeira xornada de liga por parte da bancada de Pasarón.

Así o recoñeceu este mércores Yelko Pino preguntado polo desprazamento de afeccionados granates que se agarda para o vindeiro domingo en Santiago de Compostela e que, aínda que lonxe das cifras da pasada tempada, apunta tamén a ser numeroso.

"Persoalmente a min me reconforta moitísimo o feito de que dous meses despois de semellante pau sigan aí os afeccionados, de todas as bancadas, os que nos animan, os que están aí connosco. Que haxa xente que non baixou do barco reconforta moito e dálle moita forza ao equipo", afirmou o vigués desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.

En canto ás sensacións do equipo, Pino recoñece que "sabemos que temos que mellorar o que fixemos o domingo", aínda que parten coa vantaxe da continuidade de gran parte do equipo da pasada campaña xa que "nos coñecemos e sabemos o que quere o míster", o cal é "unha vantaxe".

"A esixencia do ano pasado foi moi alta, e o que fixemos en canto a xogo e números foi moi alto independentemente de que nos chegase para conseguir o obxectivo. O reto este ano é mellorar, é minimizar por completo as opcións do rival e que así se poidan producir os menores accidentes posibles", defendeu.

Unha melloría que se examinará agora en dous escenarios esixentes como os campos do Compostela e Numancia, empezando por un derbi galego no que "temos que ir alí a facer o noso fútbol, a ser dominadores", sendo "un bo partido para reafirmarnos na nosa idea". Todo fronte a un rival como o santiagués que "creo que fixo un bo equipo", sinalou o 10 do Pontevedra.