Zamora, primeira parada para o Teucro no seu regreso a Asobal

Pontevedra
08 de setembro 2017

O Condes de Albarei Teucro afronta este sábado (17:00 horas) en Zamora a primeira xornada da Liga Asobal e faino ante un rival directo na loita pola permanencia. Os azuis, que viaxan xa este venres, contan coa única ausencia de Johnny Medina por lesión

Adestramento da SD Teucro 2017-2018 no Municipal
Adestramento da SD Teucro 2017-2018 no Municipal / Mónica Patxot

A pretempada chega ao seu fin e o Condes de Albarei Teucro séntese preparado para afrontar o seu regreso á máxima categoría do balonmán nacional.

Os azuis visitan este sábado (17:00 horas, Pavillón Municipal Ángel Nieto) a cancha dun rival directo na loita pola permanencia na Liga Asobal, o Balonmano Zamora, curiosamente o mesmo equipo e a mesma cancha na que arrincaron a pasada campaña na División de Honra Prata.

"Allí es un equipo siempre difícil", recoñece Quique Domínguez, que augura un partido intenso ante un conxunto que "no tiene grandes estrellas pero siempre compite muy bien".

O técnico pontevedrés sinala que o Zamora "lleva muchos años jugando igual, desde Primera Nacional, Plata o Asobal, con una plantilla y un cuerpo técnico que se conocen muy bien", o que é un plus engadido nun conxunto que mantén o bloque que logrou o ascenso reforzando a portería e a primeira liña.

Precisamente a súa última fichaxe, o brasileiro Anderson, acábase de incorporar ao equipo e todo apunta a que non gozará de moito protagonismo no encontro, aínda que a súa única baixa será a do lesionado Guille.

Tamén o Teucro contará cunha única ausencia, a de Johnny Medina que encara a recta final na súa recuperación tras a grave lesión de xeonllo que sufriu a finais da pasada tempada. 

Aínda que outro anos o desprazamento a Zamora realizábase no mesmo día, nesta ocasión a expedición azul viaxa cunha xornada de antelación para tentar chegar nas mellores condicións á cita e tentar arrincar a tempada con bo pé.

Os colexiados do encontro serán os asturianos José Luis Fernández Fernández e Antonio Martín Franco.