Cada vez que hai unha cita coas urnas sempre xorde a mesma incógnita: a quen van votar os novos votantes. Este 28 de maio moitos pontevedreses e pontevedresas menores de 22 anos participarán por primeira vez nas eleccións municipais dunha cidade, Pontevedra, na que non coñeceron a outro alcalde que non sexa Miguel Anxo Fernández Lores.
Con todo, o grao de coñecemento dos candidatos á alcaldía entre os universitarios lerezanos é escaso. Salvo a Lores, apenas coñecen ao resto de alcaldables nin as súas propostas. Un feito que non implica que non estean preocupados polo futuro da súa cidade, da que encomian o modelo urbano pero non dubidan en alertar dalgunhas carencias importantes.
"En Pontevedra nunca vimos outra cousa que non sexa o Bloque e tampouco sabemos que poden ofrecer outros partidos porque non temos referentes. As propostas doutros, son propostas que poden cumprir ou non. A miña intención é votar, pero terei que informarme antes das eleccións por que non sei a que partido vou votar", recoñece Andrea Hermida, estudante de enfermería de 21 anos.
"Non coñezo a ningún, de política a tema de alcaldía, cero", confesa *Álex Calvo, universitario de vinte anos que xa exerceu o seu dereito ao voto por correo. Máis indecisa móstrase Lucía Franco, que aínda está a pensar que papeleta introducir na urna. "Aínda non o sei, ata que teña tempo de mirar os candidatos e informarme ben, non decidirei", sostén á vez que asegura que "non síntome representada por ningún político".
"Dos nove candidatos coñezo a varios, pero non me representa ningún. É difícil elixir a alguén, estes días estiven vendo que presentan e quen eran, vou votar pero non sei aínda a quen", explica Violeta Ramos, estudante de Educación Infantil. "Coñezo a BNG, PP, VOX, Podemos, Cidadáns e Pacma. Non me sinto representada polos políticos, pero votarei ao BNG", asegura Carmen Pazos.
Recoñecen que vivir alleos á política municipal é algo moi común entre os da súa xeración. "É algo que nos pasa a toda a xente da nosa idade. De normal interesámonos pouco pola política, decatámonos un pouco a nivel nacional, pero a nivel local, non tanto", sinala Hermida unha mostra do pouco que visitan os aspirantes á alcaldía o campus de Pontevedra, aínda que tamén é certo que unha parte dos potenciais votantes estudan en facultades doutras cidades.
Aínda así, o feito de descoñecer o nome dos candidatos a alcalde non implica que non estean preocupados polo futuro da súa cidade. "Pontevedra está cada vez peor, pechan tendas e a cousa non mellora. O mellor é a paz que se respira, pero fai falta unha boa xestión da cidade, que axude aos pequenos empresarios e promova o crecemento", defende un crítico Calvo.
Para Pazos, o peor da súa cidade é Ence. "Esta fábrica contamina e ameaza seriamente a biodiversidade, xa que é unha das principais fontes que contribúen á plantación de eucaliptos en Galicia", subliña a universitaria, moi crítica tamén coa presenza de lombos, a falta de aparcamentos, o mantemento das estradas no rural e a falta de prazas en residencias de anciáns.
Moita xente nova síntense desubicados na súa propia cidade. "Pontevedra non é unha cidade na que me gustaría pasar a miña mocidade, está máis enfocada para estabilizarte na vida e formar unha familia. Moitas veces pregúntome que fago aquí, se xa o fixen todo", sostén Violeta con preocupación porque "é unha cidade marabillosa".
Pero non todo é negativo. "Pontevedra é unha cidade moi cómoda no sentido da accesibilidade a lugares, porque ao ser unha cidade pequena e por como esta construída chegas moi rápido a todas as partes céntricas", recoñece Lucía.
Neste sentido, engade Ramos que moitos dos eventos que se organizan na cidade non teñen a visibilidade que deberían. "Cantas persoas de Pontevedra visitaron os museos? A maioría seguro que non foi nunca", lamenta ao mesmo tempo que pon en valor programas como Noites Abertas ou o Salón do Libro, así como a recuperción para o patrimonio público do convento de Santa Clara.
"As aforas están un pouco incomunicadas e eu creo que non viría mal retocar os horarios dos autobuses que van ás zonas de Lérez, Monteporreiro, Poio etcétera. Porque os buses a metade de veces non aparecen e se aparecen fano cada 4 horas", lamenta. "Que sexa peonil está moi ben porque se reducen emisións, pero tamén é un coñazo circular e aparcar o coche, que tamén é algo que se necesita", comparte Hermida.
É no plano cultural no que máis carencias observan os novos votantes. "Hai moi poucas opcións para propostas artísticas. O teatro e a danza están moito menos promocionados que outros sectores", reclama Franco. "Hai moito evento, sobre todo deportivo, que está xenial porque trae a moita xente. Pero nas festas, como a Peregrina ou Nadal, son un pouco cutres. Non fai falta chegar ao extremo de Vigo, pero poñendo unhas boas luces e máis actividades de Nadal quedaría máis bonita e atraería a máis xente a pasar un día", critica Andrea, a quen tampouco lle convence as propostas musicais do verán.
"Os concertos están enfocados ao de sempre, a xente maior, en lugar de traer artistas máis coñecidos. Faltan eventos enfocados na mocidade, non se nos ten en conta", quéixase.
A rama do emprego é algo que tamén preocupa a esta nova xeración de adultos pontevedreses. "Non se dá case ningunha axuda á xente nova a introducirse no mundo laboral de forma que se poida compaxinar con outros aspectos diarios", expón Lucía.
Con todo isto, o sentir xeral dos que este ano se incorporan ao electorado pontevedrés é que "a Pontevedra non se lle saca o partido que se lle podería sacar, está estancada, podíase renovar un pouco", conclúe esta futura enfermeira.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.