75 anos respirando ilusión de cor granate

Pontevedra
31 de decembro 2016

O Pontevedra Club de Fútbol cumpriu 75 anos de vida en 2016 consolidado na Segunda División B e con ilusión de pelexar por obxectivos ambiciosos no novo ano. Pola súa banda o Teucro, tras o seu descenso de Asobal, pelexa por volver á máxima categoría do balonmán nacional. O ascenso destacado do curso foi para o Marín Peixe Galego, flamante equipo da liga LEB Ouro de baloncesto

Celdrán, Cholo e Calleja fan o saque de honra antes do Pontevedra-Lealtad en Pasarón
Celdrán, Cholo e Calleja fan o saque de honra antes do Pontevedra-Lealtad en Pasarón / Diego Torrado

O pasado 16 de outubro de 2016 o Pontevedra Club de Fútbol cumpriu 75 anos de vida, unha efeméride que a cidade celebrou con diversos actos.

O club granate consolidouse este ano na Segunda División B tras concluír a liga na novena posición a pasada campaña e iniciar unha nova, a do 75 aniversario, na que conseguiron ilusionar á afección pelexando por obxectivos ambiciosos, ao terminar o ano e a primeira volta da liga na cuarta posición.

Fixérono despois dunha primeira volta de record, con nove triunfos seguidos en Pasarón e un partido especial ante o Lealtad, precisamente o día 16 de outubro, que supuxo o fin de festa soñado a unha semana de celebración granate.

O TEUCRO, A RECUPERAR O SEU LUGAR

Non lle foron tan ben as cousas á Sociedad Deportiva Teucro, que certificou en Cangas nun dramático encontro o seu descenso á División de Honra Prata tras unha segunda volta de liga na que non puido confirmar as boas sensacións da primeira.

A directiva azul apostou pola continuidade dun proxecto e renovou a Quique Domínguez pese ao descenso co obxectivo de recuperar o seu lugar na máxima categoría do balonmán nacional.

Si se produciu renovación no plantel, e tras superar un inicio de competición irregular o Teucro foi crecendo co paso das xornadas ata pechar a primeira volta como líder en solitario da categoría, nunha dura pugna con Zamora e Palma del Río pola única praza de ascenso directo que, todo apunta, manterase ata o final da competición.

O PEIXE GALEGO, UN EQUIPO DE 'OURO'

O ascenso destacado do ano 2016 correspóndelle a un equipo marinense, o Peixe Galego, que por primeira vez na súa historia gañou o dereito para xogar na liga LEB Ouro de baloncesto, a antesala da liga ACB.

Logrouno o 25 de marzo derrotando na Raña ao Aceitunas Fragata Morón nun partido que foi todo un acontecemento na localidade pontevedresa e que pechou unha tempada máxica para o equipo adestrado por Javi Llorente.

Agora, tras pelexar a directiva por conseguir os fondos necesarios para saír en LEB Ouro, e tras un inicio de liga esperanzador, o Peixe atravesa unha xeira negativa de resultados pero mantén viva a esperanza de lograr a permanencia, que sería de novo unha auténtica xesta a teor dos orzamentos cos que se mide o equipo.