A política local, con voz de muller: "Queremos a metade de todo"

Pontevedra
23 de maio 2019

As mulleres reivindicaron este xoves o seu protagonismo na penúltima xornada da campaña electoral do PSOE cun acto de igualdade que reclamou a necesidade de que o 52% da poboación ocupe o espazo que lle corresponde na sociedade e na política local 

Acto do PSOE pola igualdade na praza da Ferrería, 'A política local, con voz de muller'
Acto do PSOE pola igualdade na praza da Ferrería, 'A política local, con voz de muller' / Mónica Patxot

As mulleres reivindicaron este xoves o seu protagonismo na penúltima xornada da campaña electoral do PSOE cun acto de igualdade que, baixo o lema 'A política local, con voz de muller', reclamou a necesidade de que o 52% da poboación ocupe o espazo que lle corresponde na sociedade e na política local.

O PSOE quixo levar o seu acto central da xornada á praza da Ferrería polo seu simbolismo porque hai dous meses e medio foi escenario da histórica mobilización feminista do 8 de marzo e agora volveu converterse nun espazo público ocupado por mulleres porque, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, "queremos espazos de convivencia, espazos onde vivir seguras, espazos de igualdade e de respecto á diversidade".

O protagonismo foi feminino e compartido entre Carmela Silva; a secretaria xeral do PSOE local e subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a senadora Marica Adrio; as parlamentarias María Pierres e Patricia Vilán, e as números dous, catro e seis da candidatura para o próximo 26 de maio, as avogadas Yoya Blanco, Paloma Castro e Ada Otero.

"Queremos a metade de todo", reivindicou Carmela Silva, que sostivo que a política local é "o lugar idóneo para ter voz" e defendeu a necesidade de que o próximo goberno local teña "uns orzamentos locais que garantan que poidamos ir superando todas as discriminacións que padecemos".

Maica Larriba afondou nesa mensaxe de que "non pedimos máis, pedimos o que nos corresponde por ser o 52%" e, tirando da súa experiencia como subdelegada do Goberno, chamou a atención sobre a realidade das maiores de 65 anos vítimas de violencia de xénero que denuncian despois de "levar unha vida enteira sufrindo malos tratos". A elas quixo decirlles que "non están soas". 

Paloma Castro reivindicou a necesidade dun gran pacto de Estado en materia educativa, que inclúa a educación en igualdade, e que se complemente cunha coeducación no ámbito familiar "que desfaga as diferenzas e valore de igual xeito a nenas e nenos", pois "é necesario un cambio no modelo cultural e educativo actual, no que todo xira en torno á figura masculina"

Ada Otero, primeira muller trans que se presenta a unhas eleccións en Galicia, fixo referencia aos peldaños que as mulleres teñen que subir para acadar a igualdade e a que, no caso das mulleres trans precisan "un equipo de escalada", pois elas non só loitan polos seus dereitos, senón que directamente "loitamos por sobrevivir". Así, a súa esperanza de vida media en España sitúase en 50 anos e teñen unha porcentaxe de intentos de suicidio dun 41%.

Marica Adrio puxo en valor as medidas feministas do Goberno de Pedro Sánchez, Patricia Vilán reivindicou que un dos retos da sociedade do século XXI é acabar coa división sexual do traballo e María Pierres denunciou que "a planificación das nosas cidades foi pensada por homes e para homes", esquecendo á metade da poboación.

Durante as intervencións de todas elas, a pintora Tania Solla aproveitou para facer in situ un graffiti simbolizando, en palabras da autora, "a alianza entre mulleres e o peso das mulleres no PSOE". No centro da imaxe, a rosa do PSOE. 

Os homes da candidatura socialista, incluído o alcaldable, Tino Fernández, quedaron este xoves nun segundo plano, entre o público. Ata que Carmela Silva baixou do escenario para convidalo a subir e agradecer o seu feminismo, pois "os homes feministas, cando as mulleres queren ter voz, séntanse e escóitannos".

PROGRAMA SOCIALISTA

Unha das prioridades do programa electoral do PSOE é acadar "unha cidade feminista e diversa, na que exista unha igualdade real" e, co fin de conseguilo, propoñen a creación dun centro 'Quérote Máis', dependente do Concello, destinado a dar información e asesoramento social, xurídico e psicolóxico ao colectivo LGTBI.

Ademais, propoñen a posta en marcha de programas específicos de emprego que faciliten a inclusión laboral das persoas trans, impulsar unha Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, a creación dun Servizo de Atención Domiciliaria á Infancia (SADI), que se habilite un centro de urxencias para as vítimas de violencia de xénero e darlle un pulo ao Pacto Local pola Conciliación.