O ano xudicial ten en Pontevedra nomee de muller. Dúas das protagonistas foron Ana Outerelo e Tamara Vidal, as traballadoras condenadas pola súa participación nunha protesta sindical, pero tamén se coa no resumo do ano o caso da pontevedresa desaparecida Sonia Iglesias, arquivado pola Audiencia Provincial.
Ana e Tamara foron xa protagonistas do ano ano 2014, cando empezaron unha campaña para pedir o indulto tras ser condenadas a tres anos e medio de prisión por un delito de coacción á folga pola súa participación no ano 2010 nun piquete informativo da folga de traballadores de instalacións deportivas.
Tras ano e medio de loita, empezaron decembro coa noticia de que, en base á última reforma do Código Penal, o Xulgado substituíu a pena de prisión polo pago dunha multa de 3.240 euros.
A presenza de Sonia Iglesias nos resumos anuais de noticias de Pontevedra remóntase xa a hai cinco anos, tras desaparecer en circunstancias aínda sen determinar o 18 de agosto do ano 2010. Este ano 2015 empezou co seu compañeiros sentimental, Julio Araújo, imputado pola súa desaparición, pero a Audiencia Provincial decidiu en abril arquivar o caso "por non existir indicios sólidos para acordar a continuación do procedemento contra a persoa do imputado".
Pola Audiencia Provincial pasou tamén este ano 2015, no mes de maio, Miguel Sanmartín Argibay, xulgado polo crime machista da súa noiva en Marín en decembro de 2013. El confesou e un xurado popular declarouno culpable dos delitos de homicidio e agresión sexual e o tribunal condenouno a 18 anos de prisión tras un veredicto controvertido que levou ao irmán da vítima para recibir ao fiscal do caso ao berro: "Gracias por ayudar a un asesino".
Os xulgados, neste caso os de Cambados, tamén viron desfilar este ano a unha das figuras políticas máis coñecidas de Ponteveda, o ex presidente da Deputación e presidente do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, citado xunto á súa esposa e o deputado provincial do PP Severino Reguera en calidade de imputados polo delito de suborno continuado en relación coa compra e posterior aluguer con sobrecusto de tres baixos comerciais na zona de Navia, en Vigo.
Todos se acolleron ao seu dereito a non declarar, pero si compareceron ante o xuíz, que decidiu continuar coa tramitación do procedemento pola lei do xurado.