Ana Pontón reclama "xulgados específicos" para atender ás vítimas de violencia de xénero

O Salnés
18 de setembro 2016

A candidata do Bloque Nacionalista Galego defendeu nun mitin en Cambados que un cambio real a partir do 25S pasa por "feminizar a política con feitos e non con palabras ocas"

Mitin do BNG en Cambados
Mitin do BNG en Cambados / BNG

A candidata do Bloque Nacionalista Galego á Xunta de Galicia, Ana Pontón, defendeu nun mitin en Cambados a creación de "xulgados específicos" para atender ás vítimas de violencia de xénero, ademais de apostar por unha política activa que facilite a inserción laboral e maximizar as medidas de protección ás mulleres afectadas por esta secuela.

Pontón explicou as diferentes medidas de igualdade polas que aposta a súa candidatura, como o custo cero das cotas da Seguridade Social para as traballadoras autónomas durante a maternidade, ampliar os permisos de paternidade e facelos obrigatorios e revisar os horarios comerciais, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.

A candidata do BNG asegurou que un "cambio real" a partir do 25-S pasa por "feminizar a política con feitos e non con palabras ocas, das que estamos cansas de escoitar".

Ademais sinalou que "non imos adicar nin un só euro a políticas que discriminen as mulleres e, polo tanto, imos eliminar os concertos con eses colexios do Opus Dei que están segregando a nenos e nenas por sexo".

Pontón realizou estas declaracións en Cambados no transcurso dun mitin no que estivo acompañada polo candidato por Pontevedra, Luís Bará.