Pontevedra, segundo os socialistas, segue a ser unha cidade "fortemente castelanizada". Para reverter esta situación, Iván Puentes presentou este mércores unha serie de medidas para promocionar, defender e dinamizar a lingua galega.
Fíxoo co gallo do Día das Letras Galegas na Praza da Ferrería, onde o PSdeG-PSOE instalou unha carpa informativa para dar a coñecer o seu programa electoral nesta materia.
"Pretendemos achegar o galego á sociedade con propostas que vinculen a nosa lingua coa cultura, a literatura, a historia, a innovación, as novas tecnoloxías, a modernidade, o feminismo, a ecoloxía e a sustentabilidade", destacou o candidato á Alcaldía.
As propostas dos socialistas están encamiñadas fundamentalmente a promover o galego en tres sectores: o social, o empresarial e o educativo.
Así, o PSOE propón crear unha rede de establecementos amigos da lingua que se comprometan a empregar o galego como opción preferente na súa relación co público e unha rede de guías e establecementos turísticos que aposten por esa mesma liña.
O impulso de feiras de visibilización e promoción do produto local e a distribución gratuíta de carteis en galego tamén figuran no paquete de medidas presentado por Puentes, que tamén promete impulsar as festas tradicionais con actividades lúdicas integramente en galego.
Para iso, avanza que apostarán "de xeito preferente" pola contratación de artistas locais para dinamizar o sector cultural da cidade.
En materia educativa, os socialistas comprométense a poñer en marcha bolsas de intercambios con centros doutros puntos de Galicia que sexan galegofalantes para promocionar a inmersión lingüística, promover cursos gratuítos preparatorios dos certificados de Lingua Galega ou organizar ludotecas e campamentos lingüísticos.
Este proxecto de promoción do galego inclúe ademais o desenvolvemento dun programa escolar de actividades para fomentar o uso do idioma, material didáctico en galego sobre a historia e cultura da cidade ou o impulso da lingua portuguesa como vertente internacional do galego.