Besteiro (PSdeG-PSOE): "O binomio Rajoy-Feijóo foi absolutamente letal para as políticas sociais"

Pontevedra
07 de maio 2015

Unha política baseada no dereito das persoas "e non na beneficencia". Esa é a aposta do PSdeG-PSOE para o ámbito do benestar social en Pontevedra. Así avanzouno este xoves o candidato á Alcaldía, Agustín Fernández, que a escasas horas do inicio da campaña electoral recibiu o apoio do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, durante unha visita a Monte Porreiro

Xuntanza de José Ramón Gómez Besteiro e Agustín Fernández con COGAMI e Amizade
Xuntanza de José Ramón Gómez Besteiro e Agustín Fernández con COGAMI e Amizade / PSdeG-PSOE

Unha política baseada no dereito das persoas "e non na beneficencia". Esa é a aposta do PSdeG-PSOE para o ámbito do benestar social en Pontevedra. Así avanzouno este xoves o candidato á Alcaldía, Agustín Fernández, que a escasas horas do inicio da campaña electoral recibiu o apoio do secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, durante unha visita a Monte Porreiro.

Tras visitar a sede da ONG Amizade, Agustín Fernández afirmou que pensa en recuperar, dende o goberno municipal, "as políticas que se facían cando os servizos sociais estaban xestionados polo Partido Socialista". Sinalou que, con máis de 8.000 parados na cidade, "non estamos para moitas festas e moitos viaxes".

Se trata, dixo, de achegar solucións a un tema "que nos preocupa a todos", xa que indicou que a crise foi especialmente dura para as persoas con discapacidade, ao sumar a "lacra" do desemprego e a perda da "rede de seguridade" que supoñía a lei de dependencia.

Nesta mesma liña, José Ramón Gómez Besteiro denunciou que nos últimos anos a Xunta de Galicia recortou case 4.000 millóns de euros en políticas sociais, polo que entende que "o binomio Rajoy Feijóo foi absolutamente letal para as políticas sociais". Recordou que dende o ano 2012, unhas 7.000 persoas faleceron sen ter a declaración de dependencia e case un 23% dos fogares galegos están en risco de exclusión.

Besteiro explicou que, alí onde o PSdeG-PSOE goberne tras o 24 de maio, aplicarán "todo un abano" de iniciativas para o ámbito da dependencia e a discapacidade, entre as que destacou a inclusión de cláusulas sociais en todos os contratos que se impulsen a través da administración. Son posibilidades que "Rajoy e e Feijóo non quixeron facer, pero nós se estamos dispostos a reforzar, completar e aumentar nos tempos de crise".

Con respecto á campaña electoral, o secretario xeral do PSdeG-PSOE avanzou que os socialistas afrontan este período "con moita alegría e moito optimismo". Explicou que farán unha campaña "absolutamente limpa", centrándose nos problemas dos cidadáns "e non nos que só preocupan a aqueles que queren despistar aos cidadáns".

Besteiro insistiu en que o PSdeG-PSOE representa o "cambio seguro", unha alternativa que proporcionará aos cidadáns "máis ilusión e máis futuro" e que supoñerá deixar á marxe, reiterou, "a petición de voto baseada na rabia e non medo".