"Só podo dicirlle á veciñanza que goce destas Festas da Peregrina. Celebrémolo! Viva Pontevedra!"

Pontevedra
08 de agosto 2025

Saúda do alcalde con motivo das Festas da Peregrina: "Pontevedra é unha cidade feita entre todos e todas. Unha cidade orgullosa de seu, unha vila que vive un verán e unhas festas especiais e únicas"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Saúda do alcalde con motivo das Festas da Peregrina 2025:

O verán pontevedrés é unha espiral de emocións e sorpresas. Unha viaxe constante entre rúas e prazas; propostas e plans. A pregunta máis probábel que un se pode facer cada día é: "que facemos hoxe?".

Na Boa Vila hai máis de 300 actividades polas que navegar durante o estío. Un barco cheo de concertos, actuacións, animación de rúa, teatro… As Festas da Peregrina son o punto álxido de xeito tradicional, é a nosa semana grande, esa na que riadas de xente chegan até a praza do Concello para gozar dalgúns dos e das artistas máis importantes do panorama musical, mais é tamén época de reencontros familiares, de amizades que volven e de xerar novas lembranzas baixo o sol do verán.

O obxectivo do Concello non é outro que lograr unha programación aberta á cidadanía, un conxunto de actividades no que todo o mundo atope algo que logre emocionalo a través dun verán que, cada ano, semella durar un chisco máis, pero que adoitamos poñerlle final nese fin de festa masivo que é a Feira Franca.

Só podo dicirlle á veciñanza que goce destas Festas da Peregrina que están por vir, que aproveiten o tempo, que socialice o máximo posíbel, que a xente camiñe entre as barracas da Alameda, que senten nunha terraza a probar o último da nosa gastronomía, que bailen nun concerto, que descubran o último ‘hit’ da música galega, que fagan lembranzas que lles saquen un sorriso pasados os anos.

En Pontevedra nada acontece por casualidade. É unha cidade feita entre todos e todas. Unha cidade orgullosa de seu, unha vila que vive un verán e unhas festas especiais e únicas. Somos unha cidade amábel, na vangarda das ideas e dos proxectos.

Celebrémolo! Viva Pontevedra!