Do 'divo' Pedro Sánchez ao 'pontevedrés' do Chapecoense: as noticias sociais máis vistas do año

Pontevedra
31 de decembro 2016

Ás veces non fai falta máis que unha foto para que algo adquira unha relevancia inusitada. Como a que ilustra este resumo dalgunhas das noticias máis vistas do ano en PontevedraViva. A visita de Pedro Sánchez a Pontevedra deixou esta curiosa estampa ao pasar xunto a un cartel que anunciaba un concerto de Il Divo na cidade da Coruña

Pedro Sánchez en Pontevedra durante a campaña electoral do 26-J
Pedro Sánchez en Pontevedra durante a campaña electoral do 26-J / Mónica Patxot

Ás veces non fai falta máis que unha foto para que algo adquira unha relevancia inusitada. Como a que ilustra este resumo dalgunhas das noticias máis vistas do ano en PontevedraViva. A visita de Pedro Sánchez a Pontevedra deixou esta curiosa estampa ao pasar xunto a un cartel que anunciaba un concerto de Il Divo na cidade da Coruña.

E é que máis aló das cuestións políticas, as infraestruturas e obras, os sucesos, os eventos culturais ou as citas deportivas, tamén a crónica social fíxose un oco entre as noticias máis destacadas de 2016.

Para emotiva, a historia da mensaxe nunha botella que un marinense lanzou ao mar 16 anos atrás e que apareceu na costa de Tristán de Acuña, o lugar máis remoto da Terra; ou a orixinal pedida de man que un pontevedrés organizou para a súa noiva en plena Praza da Peregrina, acompañado de numerosos amigos e curiosos.

As Festas de Verán tamén deixaron unha anécdota curiosa. O cantante Bertín Osborne acabou no hospital tras o seu concerto en Pontevedra. Afortunadamente, todo quedou nun susto. Tamén tivo que ser auxiliado, aínda que por outro servizo, un neno de tres anos que quedou atrapado nunha das estatuas de composición dos músicos da praza de San José.

Entre os temas máis comentados estiveron, sen dúbida, o descubrimento dun pasadizo secreto na rúa Andrés Muruais, construído a principios do século XX; ou a denuncia presentada por ofensa á relixión contra un grupo do entroido pontevedrés na que uns lexionarios portaban a Ravachol crucificado.

Habituais en 2016 foron as visitas do rei emérito Juan Carlos I a Sanxenxo. Nunha delas, mesmo se deixou ver por Pontevedra tras cear na Casa Román. Unha única visita, pero por agora permanente, fixeron os mariñeiros sirios que pediron asilo político en España tras chegar en barco ao porto de Marín.

O ano acabou tamén cunha noticia luctuosa que impactou á cidade. Filipe Machado, ex xogador do Pontevedra, foi unha das vítimas do avión accidentado nas proximidades do aeroporto de Medellín, en Colombia, no que viaxaba o Chapecoense brasileiro.