O candidato de Cidadáns á alcaldía de Pontevedra, Goyo Revenga, explicou este mércores a súa proposta para facilitar os trámites administrativos e burocráticos aos veciños do municipio.
Trátase da creación dunha Oficina Pontevedresa de Atención Cidadá (OPAC) que "terá atención presencial, telefónica e telemática".
Desde ela "poderanse cursar solicitudes e os veciños poderán obter asesoramento sobre o seu enchemento, sobre información urbanística, censual ou de rexistro", sinalou Revenga.
Esta oficina tería a súa sede central no edificio administrativo do Concello, en Michelena 30, pero propoñen habilitar dúas sedes alternativas en Monte Porreiro e A Parda co obxectivo de "facilitar as xestións municipais ás persoas que non residen no centro da cidade".
Con esa mesma idea a OPAC completaríase cunha oficina móbil que se achegaría de forma periódica ás diferentes parroquias pontevedresas.