"Gustaríame que a xente se fora do pregón con ese subidón de: que necesario é o feminismo!"

Pontevedra
08 de agosto 2025
Actualizado: 09 de agosto

Susana Pedreira e Diana López Varela son amigas desde a infancia, xornalistas e impulsoras do foro As Mulleres que Opinan son Perigosas. Este ano son as pregoeiras das Festas da Peregrina

Diana López Varela e Susana Pedreira
Diana López Varela e Susana Pedreira / Mónica Patxot

Susana Pedreira (Vitoria - Gasteiz, 1983) e Diana López Varela (Pontevedra, 1986) son amigas desde a infancia, xornalistas de formación, profesión e vocación e, desde 2018, impulsoras do foro As Mulleres que Opinan son Perigosas, que puxo a cidade de Pontevedra no mapa do xornalismo de opinión e do feminismo a nivel estatal.

Por este logro, este ano foron escollidas como pregoeiras das Festas da Peregrina. Por primeira vez, sairán ao balcón dúas persoas, unha representación colectiva e simbólica da unión e amizade entre mulleres. Falamos con elas da emoción persoal e profesional deste momento inesquecible. 

Diana, que significa para unha pontevedresa de nacemento saír ao balcón da Casa Consistorial e abrir a Festas da Peregrina?
D: Aquí teño que confesar -confésoo poucas veces- que no meu DNI pon que nacín en Santiso, na provincia da Coruña, pero realmente non pasei nin un día da miña vida alí, porque en canto nacín, meus pais viñeron vivir a Pontevedra. Síntome pontevedresa de nacemento, aínda que no DNI poña outra cousa. Que significa para min? É unha honra. Moitas veces pensei, mesmo cando vía a compañeiros e a compañeiras de prensa protagonizar os pregóns das Festas da Peregrina, que me gustaría recibir ese recoñecemento e estar alí. Para min é un soño cumprido, unha das cousas máis bonitas que me teñen pasado na vida. Estou moi orgullosa e penso defender o pregón de Pontevedra como se fosen as Olimpíadas. 

E, Susana, para unha pontevedresa de corazón (PDC)?
S: Non é un escenario que eu imaxinara, pero desde que nos chegou a proposta… moitísima ilusión. E tamén hai un punto de dobre responsabilidade. Por unha banda, a nós escóllennos por ser as promotoras dun foro de mulleres xornalistas, polo tanto, hai unha carga nese pregón que vai ir por aí. Pero tamén responsabilidade porque as mellores festas do mundo son as Festas da Peregrina e as palabras que nós escollemos desde esa Casa Consistorial dan o pistoletazo de saída. Sentimos emoción e responsabilidade porque sexan as palabras case perfectas, cun equilibrio entre: vimos inaugurar unhas festas, pero tamén hai cousas nas que queremos que pensedes. 

E que significa facelo xuntas?
D:
Facelo xuntas vai ser un momento inesquecible na nosa traxectoria como amigas que levantamos un proxecto profesional xuntas. A min gústame reivindicar moitísimo a amizade entre mulleres e tamén, por suposto, os proxectos profesionais entre mulleres e entre amigas. Entón creo que ten un valor engadido. Este pregón vai ser aínda máis feminista polo feito de escollernos ás dúas, de escoller dúas mulleres que traballan xuntas e que teñen compartidos moitísimos momentos profesionais e personais. Emoción, alegría e tamén responsabilidade, dar un pouco exemplo de que se pode chegar lonxe, se poden sacar adiante os proxectos e emprender con outras mulleres e coas amigas.
S: Esa amizade entre mulleres nos queremos que estea presentísima na imaxe en si de ocupar ese balcón por primeira vez dúas mulleres xuntas e tamén nas palabras que utilizamos. Vai ser un momento inesquecible.

Diana López Varela e Susana Pedreira
Diana López Varela e Susana PedreiraMónica Patxot

Susana, gustoume moito ese termo de PDC. Como te das conta de que es?
S:
 Pensando en que ía ser pregoeira, dixen: imos dicir PDC, pontevedresa de corazón, porque non todos os que queremos esta cidade somos PTVs. Pero pontevedresa de corazón dinme conta moi cedo porque eu levo aquí 16 anos, vin por traballo e sentinme así ao terceiro mes. Sentín que este era o meu lugar no mundo. Sentinme moi acollida pronto pola cidade en todos os sentidos, creo que é unha cidade que permite que a habites, non soamente que esteas de paso. Pontevedresa de corazón síntome desde os primeiros tres meses que estiven aquí e penso que 16 anos despois, son de verdade, ademais de sentilo. Ese flechazo, ese crash inicial, creo que se consolidou.

Hai veciñas e veciños de Pontevedra que coleccionan os pregóns. Impón moito saber ides formar parte dunha colección?
D:
Eu non pensara tanto na responsabilidade ata que mo dixo Susana. Estou tan liada esta semana entre o noso traballo e compromisos que intento non pensar moito niso. Porque claro, no momento no que me suba ao balcón e vexa alí os veciños, quen sabe se algún profesor ou profesora, seguro que me entra unha vertixe e unha responsabilidade tremenda.
S: Esperemos que o coleccionen con moito cariño. 

Como foi o proceso de creación? A catro mans? Primeiro unha e logo a outra?
S:
Nós estamos moi afeitas a traballar conxuntamente para deseñar, por exemplo, o programa de Mulleres que Opinan desde o ano 2018 e sempre funcionamos igual. Cada unha plantexa a súa idea e envíalla á outra e despois vaise fusionando e cada unha vai pulindo. Intercambiámonos moitos correos, moitos audios, pero con total confianza unha vai pulindo o resultado da outra. Isto foi un pouco parecido.
D: Tiñamos bastante claro todo o que queríamos que estivese case desde o primeiro momento. Hai un par de parágrafos mais persoais de cada unha das dúas e o resto foi moi consensuado. Xa nos coñecemos moito, levamos co proxecto moitos anos e foi bastante fácil, a verdade.

Susana Pedreira
Susana PedreiraMónica Patxot

Prometestes reivindicación e tamén diversión. Como ides conseguir que ir contra o machismo acabe en festa?
S:
Pois pódese. Era unha das grandes preocupacións. Queríamos conseguir o equilibrio, porque a responsabilidade vai por ambos lados, polo que queremos dicir, centrándonos na reivindicación feminista, pero tamén porque inauguramos unhas festas. Conseguir ese equilibrio complexo entre a diversión e a reivindicación. Tedes que estar o sábado ás 12 fronte á Casa Consistorial para escoitalo e dicirnos se o conseguimos. Nós, escribindo e léndonos mutuamente, pasamos por todos os estados. Pasamos polo estado de "que cómicas somos, ogallá tamén faga rir a quen nos escoita" e polo lado da emoción. E despois tamén volve haber un xiro e rematamos por todo o alto. 

Con que sensación vos gustaría que marcharan para a casa todas aquelas persoas que se acheguen a escoitarvos?
D:
Gustaríame que se fosen co orgullo de pertencer a unha sociedade e unha cidade onde o feminismo e a igualdade están na axenda política e por iso se aposta por proxectos como Mulleres que Opinan. Gustaríame que as persoas que aínda non coñecen o foro teñan moita curiosidade por saber que é. E tamén me gustaría que o espírito do movemento feminista do ano 2018 volvera ás rúas. Particularmente, gustaríame volver animar á xente a sumarse ao movemento feminista, porque fai moita falta. Estamos nun momento no que, aínda que non o pareza, a extrema dereita está aí quentando o banquillo e estamos vivindo retrocesos en comunidades; os asasinatos machistas e a violencia sexual contra as mulleres e as nenas non cesa; e gustaríame que o feminismo recuperase a forza pública, porque a forza de base tena. Gustaríame que a xente se fora con ese subidón de: que necesario é o feminismo.

Diana López Varela
Diana López VarelaMónica Patxot

Cando se anunciou que iades ser as pregoeiras, as redes sociais, polo menos as deste xornal, ferveron de moitas persoas que vos apoiaron, pero tamén de detractores. E falo en masculino porque foron, sobre todo, homes. Como interpretades esa reacción furivunda?
S:
Resultounos cómico, pero creo que ten que ver coa nosa actitude fronte a ese tipo de cosas. Organizar Mulleres que Opinan e estar escoitando a cada unha das que sobe á palestra ten moito que ver con que isto sexa superado. Resúltanos cómico porque na miña vida diaria non convivo con iso e paréceme ciencia ficción que haxa alguén que perda o tempo en escribir, e en escribir mal, certos comentarios contra unha decisión municipal de escoller dúas mulleres que van dar o pregón. Por que sigue pasando isto? Porque a ignorancia foi moi atrevida toda a vida, porque o machismo non desapareceu da sociedade na que vivimos e porque vive libre e forte, especialmente nas redes sociais, e porque ese momento ilusionante ao que apelaba Diana de 2018 non é o que estamos vivindo agora. Hai un retroceso, hai unha lexitimación na esfera do público dos discursos que son todo o contrario do que nós imos levar ao balcón e se desde o público se lexitiman segundo que discursos, a xente séntese máis libre para expresalos.
D: Eu non vou ser tan politicamente correcta, penso que hai xente que está francamente soa e aburrida, e fala coas redes. Pobriños, sinto compaixón. E penso que hai xente que non ten outro altofalante, seguramente nin nos coñezan e utilizan os comentarios das redes sociais. "Igual fixen máis que ti polo mundo, Manolo".
S: Si que creo que haxa persoas que estean molestas, que se sintan atacadas porque dúas mulleres vaian ser as pregoeiras e porque abertamente saben que son mulleres que son feministas e que van falar de feminismo. Hai xente que se sinte lamentablemente atacadas e que non as representa.
D: Preocuparíame tamén que o feminismo non molestar a ninguén porque, entón, non sería feminismo. Entón, penso que estamos facendo ben o noso traballo. E o Concello tamén. Non habería feminismo se non hai machismo e esas persoas son a representación de que hai machismo e que ten que haber feminismo. 

As mulleres que opinan son máis perigosas ou dan máis medo?
D: Eu aspiro a que as mulleres sexan perigosas para o sistema patriarcal, para que poñan en perigo o status quo no que vivimos e recordemos que hai unha asasinada por violencia machista case cada día; que hai un montón de nenos e nenas vítimas de violencia machista, tanto directamente asasinados como orfos de nai por culpa da violencia machista; que hai moitísimas mulleres que sofren violencia sexual, violencia económica, todo tipo de violencias por parte dos homes e deste sistema patriarcal. Entón, eu agardo que as mulleres poidamos seguir opinando e que sexamos perigosas de verdade para botar abaixo este sistema. Francamente, as mulleres non damos medo, por iso nos seguen asasinando e por iso me gustaría tamén que empezaramos a dar un pouquiño de medo.

Diana López Varela e Susana Pedreira
Diana López Varela e Susana PedreiraMónica Patxot

Como estamos falando de festa, gustaríame tamén que falemos en positivo. Que ten que celebrar o feminismo?
D:
Ten moitísimas cousas e moitísimas conquistas que celebrar, grazas ás que seguramente Susana e máis eu temos un foro tan bonito na cidade de Pontevedra e unha vida máis plena que a que tiveron as nosas nais e, por suposto, á que tiveron as nosas avoas. É verdade que isto tamén hai que velo con perspectiva de clase, non todas as mulleres son tan afortunadas como as mulleres que vivimos en Pontevedra, ou en Galicia, ou en España. Pero creo que desde o feminismo aspiramos a mellorar as condicións de vida de todas as mulleres. Temos moito que celebrar e eu, sobre todo, teño moitísima esperanza para que a miña filla e as nenas que veñen detrás -e por iso seguimos facendo este foro e por iso somos feministas- teñan unha vida aínda mellor da que nós tivemos.

Avanzastes que todas as ‘mulleres que opinan’ van estar presentes no balcón. Coa vosa elección, como impulsoras do foro, xa están todas representadas. Que extra vos gustaría darlle de representación?
S:
É un punto simbólico porque nós temos a conciencia de que somos pregoeiras por impulsar ese foro e por manter ese foro vivo durante oito edicións e por conseguir que Pontevedra sexa coñecida fóra de aquí. Igual que é polo tríatlon, polos Premios Feroz ou polo modelo de cidade, dentro do sector do xornalismo e do feminismo, por este foro. Utilizaremos as palabras necesarias para que quede claro que cen mulleres que opinan pasaron xa polo Teatro Principal e forman parte desta familia que queremos que siga medrando. 

Ides celebrar de xeito diferente o inicio das festas este ano?
S:
Claro, nunca na vida din un pregón. O pregón ocupa todo, non pensei en que máis facer. Pensei en gozar dese momento e sobrevivir a el.
D: Eu creo que nos imos sentir como cando saes por primeira vez en fin de ano. Creo que me vou levantar con ese ánimo. A primeira noite de fin de ano non é unha noite calquera, é unha noite inesquecible, pois eu estou con ese ánimo. Vai ser un día familiar, comeremos cada unha coa nosa familia e despois un gin tónico ou algo así tomaremos. 
S: Algo brindaremos.