Lores asegura que Pontevedra será a primeira cidade con capacidade para cumprir coa normativa europea de compostaxe

Pontevedra
18 de maio 2019

O candidato á alcaldía do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores, achegábase na mañá deste sábado ata un dos composteiros comunitarios de Eduardo Pondal para indicar que estes depósitos contan coa aceptación cidadá e mesmo con demanda de moita veciñanza que quere compostar

Miguel Anxo Fernández Lores visita os composteiros comunitarios de Eduardo Pondal
Miguel Anxo Fernández Lores visita os composteiros comunitarios de Eduardo Pondal / PontevedraViva

Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, achegábase este sábado 18 ata un dos composteiros comunitarios da rúa Eduardo Pondal. Alí mostraba a súa satisfacción porque o goberno local fose pioneiro en poñer en marcha este proxecto dentro de Europa. 

Desta forma, Fernández Lores, afirmaba que Pontevedra será a primeira cidade de Europa con capacidade para cumprir coa normativa europea, estatal e galega en materia de compostaxe.

"Estamos  orgullosísimos", apuntou ao indicar que esta iniciativa conta coa colaboración da xente. Recoñecía que nesta zona houbo certo rexeitamento inicial que, ao seu entender, debíase á oposición. Agora, engadiu, ese  rechzao xa non existe porque os composteiros se atopan "integrados" no mobiliario urbano.

O candidato do BNG, acompañado de integrantes da súa lista e de veciños da contorna, lamentou que toda a oposición política, ao súa entender, estea en contra da compostaxe. E sinalou que é o goberno local o que tira cara a adiante con este proxecto a pesar das trabas da oposición.

Tamén quixo aclarar que a instalación do sistema de compostaxe é un proceso lento que para que sexa exitoso é necesario que repouse na sociedade e que se vaia concienciando a toda a cidadanía, porta a porta e a través de asembleas informativas. "A todos gustaríanos ir máis a  présa", indicou para, en todo caso, recoñecer que os composteiros comunitarios están asumidos socialmente e que en moitos barrios demandan máis instalacións. Fernández Lores insiste en que cando se abre un composteiro énchese con rapidez debido a que persoas doutros barrios levan residuos a esa zona.

O candidato á alcaldía confirmou que se compraron 8.000 composteiros individuais destinados ás parroquias e lembrou que este procedemento recolle o 100% dos biorresiduos para reutilizalos en chans e xardíns. Ademais destacou que non se realizan gastos enerxéticos neste proceso, de forma que se traballa para facer unha cidade sustentable, que favorece que non avance o cambio climático, do mesmo xeito que coa redución da mobilidade de vehículos para rebaixar a emisión de gases.