Lores pecha a súa campaña acompañado por Ana Pontón e alertando do risco de "reverter o traballo feito" se gañan os seus rivais

Pontevedra
26 de maio 2023

O candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pechou este venres a campaña electoral cun acto na Praza de España no que defendeu o traballo realizado ao longo dos seus últimos mandatos #ante promesas "incumpribeis" por parte dos seus adversarios

Acto de peche de campaña electoral do BNG con Ana Pontón acompañando a Miguel Anxo Fernández Lores
Acto de peche de campaña electoral do BNG con Ana Pontón acompañando a Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

O BNG de Pontevedra celebrou esta mañá na Praza de España o seu acto de peche de campaña electoral. Arroupado pola portavoz nacional Ana Pontón e acompañado por todos os membros da súa lista, o alcalde da Boa Vila e candidato nacionalista, Miguel Anxo Fernández Lores, pediu o voto por última vez posicionándose como a única "garantía que fixo o que prometeu e nunca enganou aos votantes".

A encargada de abrir o acto foi Ana Pontón, que antes de defender a candidatura do seu compañeiro de partido criticou a política do Partido Popular, facendo especial fincapé nos recortes na sanidade. Centrada xa na política municipal, a portavoz nacional do Bloque alertou aos votantes de que "o inimigo é poderoso" e que os rivais do BNG pretenden "reverter o traballo feito por Lores e o BNG". Por iso, dilles aos pontevedreses e pontevedresas que "quedar na casa ou votar a outras forzas é un paso atrás" no modelo de cidade implantado polo equipo de Lores nas dúas últimas décadas.

Tras as palabras de Ana Pontón, chegou a quenda do candidato nacionalista que se presentou como a única opción realista. "Asolagaron a campaña de promesas, a maioría incumpribeis", dixo Lores sobre o programa dos seus adversarios. 

Neste sentido, defendeu o traballo realizado ao longo dos seus últimos mandatos como o mellor "aval" de adiantarse "décadas aos problemas actuais con solucións innovadoras" e que situaron a Pontevedra como unha cidade "pioneira a nivel mundial".

Tamén tivo palabras para os representantes das outras institucións, ás que acusa de "sabotear" a Pontevedra polo atraso na execución de numerosos proxectos como a segunda parte do paseo a Marín, a dragaxe do Lérez, a variante de Alba ou o vial de Mollabao, citou en clara alusión á Xunta e ao Goberno central.

Finalmente, lembrou aos seus votantes que o resto de partidos evidenciaron durante a campaña e tamén ao longo do mandato que toca ao seu fin que chegaron a posicionarse en contra de proxectos troncais para o futuro da cidade como a compra de Santa Clara ou a reforma dos edificios do museo da Praza da Leña, é por iso que a opción de Lores é a única que pon a "Pontevedra por enriba de intereses e compadreos, eu ofrezo un proxecto común e integrador para toda a cidadanía", rematou o candidato nacionalista lanzando unha mensaxe para mobilizar ao seu electorado. "Cada voto conta", concluíu.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora