Marea Pontevedra sumábase este venres á petición veciñal para reparar a situación que se deriva da ausencia de pediatra no centro de saúde de Monte Porreiro, que supón desde este venres que 1.300 escolares carezan desa atención médica.
O candidato Luís Rei reclamou a incorporación tamén de dúas traballadoras sociais a tempo completo que serán necesarias para atender as demandas das persoas residentes no barrio.
Representantes da candidatura, encabezados por Rei, achegábanse este venres ata a urbanización para presentar algunhas das medidas recollidas entre a veciñanza e que constitúen propostas realizables desde o goberno de Pontevedra.
Entre estas propostas atópase a ampliación dosvestiarios do campo de fútbol e dos aparcamentos do campo de fútbol e do centro de saúde; a recuperación a Escola Taller; coordinar as actividades do Centro Social e supervisar as súas contas desde o Concello; inventariar as parcelas abandonadas; aumentar os contedores de lixo, impulsar unha rede de carreiros peonís e negociar coas entidades bancarias para abrir unha oficina no barrio.