Marea Pontevedra iniciará a súa campaña electoral ante a antiga sede da Xunta para reclamar un uso social a este edificio abandonado

Pontevedra
06 de maio 2015

O inicio de campaña da Marea Pontevedra terá lugar este xoves, ás 22.00 horas, diante da antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal

Presentación do programa de Marea Pontevedra
Presentación do programa de Marea Pontevedra / Mónica Patxot

O inicio de campaña da Marea Pontevedra terá lugar este xoves, ás 22.00 horas, diante da antiga sede da Xunta na rúa Benito Corbal, para denunciar o abandono deste inmoble e reclamar o seu destino a usos sociais, segundo anunciaron os candidatos dous e tres de Marea, Carmen Moreira e Guillermo Casalderrey, durante a presentación este mércores do programa electoral co que esta formación concorrerá ás próximas eleccións municipais.

Marea Pontevedra defínese como "a única forza propositiva" e se presenta con "un programa participativo" que recolle as achegas dos diferentes colectivos que o integran como os indignados do 15-M, Salvemos A Fracha, Non Crematorios Pontevedra, SOS Sanidade Pública, Os Praceres e Marea Laranxa en Defensa dos Servizos Sociais, Esquerda Unida, Podemos ou Espazo Ecosocialista, entre outros.

Guillermo Casalderrey contrastou o seu programa coas "ocorrencias ou propostas inconexas" do Partido Popular, que ao seu xuízo representa "volta ao pasado"; ou as "promesas que non foi quen de sacar adiante no cogoberno", en referencia aos socialistas, ou o programa do Bloque "que foi substituído por un cómic".

Fronte a isto Marea presume dunhas propostas "avaladas polos mellores profesionais na súa materia".

Así Carmen Moreira, detallou que o seu programa, dunhas 70 páxinas, contén un centenar de propostas, baseadas en tres piares: a Xustiza Territorial, a Xustiza Social e a Participación.

As "liñas de forza" que unen todo esta base programática son a transparencia baseada nunha auditoría económica e no control dos axentes sociais; tamén apostan pola participación cidadá mediante a activación do Consello Económico e Social e a posta en marcha de presupostos participativos. Ademais Marea Pontevedra avoga pola xestión pública dos servizos básicos (auga, saneamento, lixo) e a "paralización das micro-privatizacións", é dicir, servizos como xardíns, mantemento de edificios, ou de cátering. Tamén sinalan a necesidade de recuperar as "ferramentas externalizadas" en política social, como o Servizo de Axuda no Fogar.

Marea propón unha cobertura do 100% dos servizos no rural, por crear unha rede circular de autobuses e un tren de proximidades con Vigo, dentro da súa aposta polo transporte público e a mobilidade. Así como o saneamento integral da ría, das marismas, as xunqueiras, o rexeitamento á autovía A-57 pola Fracha, a aprobación do PXOM, a suspensión dos convenios coa Praza de Touros.