Coincidindo co 41 aniversario da Revolución dos Cravos de Portugal, Marea Pontevedra organizou unha xornada de confraternización, festiva e reivindicativa para ir quentando motores de cara á campaña electoral.
A festa iniciouse cun pasarrúas a cargo de Fanfarría Taquikardía por varias rúas do casco histórico, para concentrase despois na carpa instalada na Praza da Pedreira, onde os asistentes gozaron dunha comida popular.
Antes desa comida o candidato de Marea á alcaldía de Pontevedra, Luis Rei, protagonizou un breve discurso no que asegurou que os partidos que compoñen a actual corporación municipal "empezan a estar dos nervios".
Rei acusou ao BNG de contraprogramar a súa xornada coa Asemblea Nacional, e tamén tivo palabras para Jacobo Moreira, do que asegurou "copia propostas da Marea só que como é de casa rica pode presentalas con infografía", declarou en alusión á última proposta presentada polo candidato popular, partido que, mantén, "dimitiu da esperanza de maioría absoluta e confórmase con atar por xeracións receitas económicas tan rancias coma a de prolongar a permanencia da Celulosa na ría".
O discurso do candidato de Marea concluíu cun canto colectivo do "Grandola, Vila Morena" representativo da revolución lusa.