María Rey pídelle ao PP "que deje el pico y coja la pala" para que Monte Porreiro non quede sen pediatra

Pontevedra
21 de maio 2019

A concelleira e número dous de Cidadáns Pontevedra compareceu este martes en rolda de prensa para explicar as proposta da súa formación para o barrio de Monte Porreiro

Rolda de prensa de Marga Soliño e María Rey na sede de Cidadáns
Rolda de prensa de Marga Soliño e María Rey na sede de Cidadáns / Nacho Fuentes

O barrio de Monte Porreiro e as súas propostas para mellorar a calidade de vida dos seus veciños foi o centro da rolda de prensa convocada este martes por Cidadáns Pontevedra.

Nela María Rey, número dous da candidatura laranxa, pediu ao Partido Popular en xeral e ao seu candidato local en particular, Rafa Domínguez, que "deje el pico y coja la pala para ayudar a los vecinos de Monte Porreiro que se van a quedar sin pediatra", explicou.

Refírese a edil á xubilación do actual facultativo sen que o Sergas anunciase ata a data a convocatoria para cubrir a súa praza. "Es el primer paso para quitar los dos médicos que quedan y cerrar el centro", asegurou Rey.

En canto ao resto de propostas para o barrio, Cidadáns defende a instalación dunha oficina municipal en Monte Porreiro, que se habilite un bono-bus gratuíto para estudantes, parados e xubilados, a apertura dunha sede dunha oficina permanente da Policía Local ou a negociación con entidades bancarias para lograr a apertura dunha oficina de atención ao público.

Por outra banda María Rey citou a necesidade de acometer unha modernización dos parques infantís na zona, así como de revisar o saneamento e a iluminación pública.