Núñez Feijóo, en Poio: "Con acordo ou sen el, vamos a facer a depuradora"

Poio
23 de setembro 2016

Unha das claves para o saneamento integral da ría de Pontevedra é que Poio conte coa súa propia depuradora, de forma que se eliminen as verteduras ao mar. Por iso, o candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, non deixou pasar a oportunidade de asegurar que se é reelixido presidente o 25-S "con acordo co Concello ou sen el, vamos a facer a depuradora"

Mitin de Alberto Núñez Feijóo en Poio na campaña electoral do 25-S
Mitin de Alberto Núñez Feijóo en Poio na campaña electoral do 25-S / Partido Popular de Pontevedra

Unha das claves para o saneamento integral da ría de Pontevedra é que Poio conte coa súa propia depuradora, de forma que se eliminen as verteduras ao mar. Por iso, o candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, non deixou pasar a oportunidade de asegurar que se é reelixido presidente o 25-S "con acordo co Concello ou sen el, vamos a facer a depuradora".

Así o anunciou durante un mitin celebrado na Seca (Poio), que recibiu ao actual presidente da Xunta co berro de "presidente, presidente" -en resposta a un "viva Poio" previo de Feijóo- ao que o interesado pediu que esas expresións se reservasen para despois de celebrarse as eleccións.

Núñez Feijóo, que destacou o carácter "reivindicativo" dos veciños de Poio, aproveitou este mitin na localidade pontevedresa para poñer en valor a xestión económica do seu goberno nos últimos oito anos.

O PP chegou ao goberno, dixo, co obxectivo de "non crebar ou país e non encher os caixóns de facturas" e defendeu que na actualidade Galicia "non debe un euro a ninguén" ao ser unha comunidade "solvente", cumprir os obxectivos de déficit e non recorrer ao Goberno para "chegar a final de mes".

"Temos que votar si a Galicia, si ao futuro, si ao traballo, si a unha comunidade que funciona e que saíu da crise", destacou o candidato do PPdeG, que lembrou o vindeiro domingo os galegos decidirán como queren que sexa a Galicia "da próxima década", onde os populares non desexan que haxa "prexuízos, partidismos, barreiras e liñas vermellas".

Por iso, o candidato do PPdeG pediu aos galegos que "non paren" a Galicia "que avanza" e advertiu acerca dos que queren "subastar" o goberno autonómico.

Sobre eles, engadiu que "non podemos poñer catro capitáns nun barco", porque ese barco "irá a pique" ao contar, ironizou, con "cartas de navegación diferentes" polo que se teñen a posibilidade de gobernar xuntos "non se porán de acordo onde chegar".