O BNG aposta por abrir Marín ao mar e crear un porto deportivo no Paseo Alcalde Blanco

Marín
13 de maio 2015

Pilar Blanco afirma que "só nós seremos quen de impulsar un proxecto tan importante para a cidade como este". Ademais propón crear un amplo bulevar frente ao Concello para recuperar a fachada marítima para os veciños

Lámina de auga entre o Paseo Antonio Blanco e a Escola Naval
Lámina de auga entre o Paseo Antonio Blanco e a Escola Naval / BNG de Marín

O BNG marinense destacou o seu compromiso co obxectivo de abrir Marín ao mar durante os vindeiros catro anos. Ademais, a súa candidata á Alcaldía, Pilar Blanco, lembra que o seu grupo foi o único "que xa fixo diversas xestións cos organismos implicados para buscar a mellor fórmula en colaboración coa Escola Naval Militar e coa Autoridade Portuaria".

A alcaldable nacionalista considera imprescindible construir o porto deportivo que Marín necesita xunto ao Paseo Alcalde Blanco, na franxa litoral situada entre a academia militar e a zona portuaria, "algo que debería conseguirse mediante un convenio con Costas, Defensa, Portos do Estado e a Xunta de Galicia", sinala.

Por outra parte, a candidatura nacionalista impulsará unha reordenación da zona comprendido ao borde da avenida de Ourense fronte aos edificios do Concello, o Xulgado e a Biblioteca, "xerando un amplo bulevar que permita a recuperación dunha nova fachada marítima na que poder emprazar unha zona comercial e de hostalería en locais integrados na paisaxe, que potencie e recupere a actividade turística e a visión da lámina de auga", engadiu Pilar Blanco.