O BNG creará unha rede de voluntariado para dar un "salto adiante" na acción solidaria dos pontevedreses

Pontevedra
19 de maio 2015

É a gran aposta que o candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lles explicou este martes a unha ducia de asociacións do ámbito social coas que se reuniu no Café Moderno

Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores con colectivos sociais de Pontevedra
Encontro de Miguel Anxo Fernández Lores con colectivos sociais de Pontevedra / Mónica Patxot

Unha oficina do voluntariado. É a gran aposta que o candidato do BNG á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lles explicou este martes a unha ducia de asociacións do ámbito social coas que se reuniu no Café Moderno. Trátase de colectivos que xa colaboraban co goberno municipal nalgún dos proxectos impulsados desde a Casa Azul como a Redeaxuda, o proxecto Hedra ou o ámbito da discapacidade.

"Estamos a facer o proxecto das persoas que queren colaborar coas persoas, para un concello premiado porque está pensado para as persoas", sinalou Fernández Lores, que destacou que esta oficina pretende artellar a "acción solidaria e desinteresada" dos veciños e veciñas de Pontevedra.

Con esta oficina de voluntariado, o BNG busca regular á acción voluntaria en todos os ámbitos, tanto os que xa están en marcha como o voluntariado deportivo e os Camiños Escolares, e os que as persoas demandan como o voluntariado de acompañamento a persoas maiores ou sectores vulnerables para realizar trámites legais e administrativos; ou o voluntariado cultural, intercultural, interxeracional, internacional, medioambiental e social.

As primeiras accións irán encamiñadas a difundir o programa, especialmente na xente moza para buscar unha implicación real e acorde ás características de cada quen, e a formación nos dereitos e deberes do voluntariado. Todo iso "deixando ben claro" que esta labor dos voluntarios "non substituirá nunca o traballo efectivo e imprescindible" dos profesionais necesarios para a xestión diaria de estes colectivos.

En todo caso, Fernández Lores reiterou que Pontevedra ten a experiencia previa da Redeaxuda e a "colaboradora" sociedade pontevedresa, polo que augurou que será unha iniciativa que terá moito éxito. Será, dixo, un "salto adiante" na solidariedade dentro do Concello.