O PP critica que o BNG designe como número dous da súa lista electoral a unha muller de "fóra da nosa cidade"

Pontevedra
25 de novembro 2014

O PP de Pontevedra ven de emitir un comunicado no critica que o BNG "teña que buscar fóra da nosa cidade un rostro novo que lle permita impulsar a súa decadente formación de cara aos comicios municipais de 2015"

Anabel Gulías, número dous da lista electoral do BNG
Anabel Gulías, número dous da lista electoral do BNG / PontevedraViva

O PP de Pontevedra ven de emitir un comunicado no que critica que o BNG "teña que buscar fóra da nosa cidade un rostro novo que lle permita impulsar a súa decadente formación de cara aos comicios municipais de 2015". Para os populares así o demostra o feito de presentar como número dous da súa próxima candidatura a unha concelleira do BNG en Forcarei.

Segundo o voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, natural de Santiago de Compostela, "que Lores tivese que ir buscar ata Forcarei unha persoa para Pontevedra, demostra o escaso éxito das asembleas abertas do BNG".

Os populares refírense a incorporación de Anabel Gulías "unha descoñecida" apuntando que "xa traballou para o gabinete de alcaldía de Pontevedra hai uns anos", antes de presentarse na lista do BNG para Forcarei, onde desempeñou o seu traballo na oposición.

Ademais da súa faceta política, Anabel Gulías é a xerente do xornal Sermos Galiza, por este motivo o PP preguntará ao goberno local "polo importe ao que ascende a facturación desta empresa no consistorio e se resulta ético que o Concello pague cartos públicos a unha empresa cuxa xerente é unha persoa que traballou no gabinete do alcalde, e que ademais será candidata polo BNG ás eleccións municipais".