Os plans de Lores para o monte: recuperar 7.000 hectáreas e que Pontevedra sexa o gran parque forestal das Rías Baixas

Pontevedra
21 de maio 2023

O candidato á Alcaldía do BNG fixo unha andaina acompañado por boa parte da súa candidatura entre a igrexa de San Pedro de Tomeza e San Cibrán e, desde alí, explicou a 'Declaración de San Cibrán' e lembrou que das 12.000 hectáreas de superficie do concello, 7.000 son monte "que está moi abandonado"

Miguel Anxo Fernández Lores, en San Cibrán
Miguel Anxo Fernández Lores, en San Cibrán / BNG

De cara aos vindeiros catro anos, Miguel Anxo Fernández Lores aspira a seguir gobernando o Concello de Pontevedra co BNG e ten uns plans claros para o seu monte. Este domingo deunos a coñecer a través do que bautizou como 'Declaración de San Cibrán', na que ten unha aposta clara para que Pontevedra sexa o gran parque forestal das Rías Baixas.

O candidato á Alcaldía do BNG fixo unha andaina acompañado por boa parte da súa candidatura entre a igrexa de San Pedro de Tomeza e San Cibrán e, desde alí, explicou estes plans, que supoñen a recuperación integral das 7.000 hectáreas do monte de Pontevedra.

O BNG elixiu San Cibrán para facer esta declaración porque é un monte "icónico" e sería un dos primeiros sitios nos que pretenden actuar mellorando e recuperando tanto o monte como o adro da capela e outros elementos materiais e inmateriais: desde petos de ánimas a regueiros de auga que hai que dar a coñecer para que a xente pasee por eles, faga exercicio e goce dos espazos naturais.

O nacionalista explicou que Pontevedra ten varios retos ambientais sobre a mesa e un deles é o monte, onde o municipio "ten un problema ambiental moi gordo". Lembrou que das 12.000 hectáreas de superficie do concello, 7.000 son monte "que está moi abandonado e cada certos anos hai unha vaga de incendios". 

Na actualidade, o monte de Pontevedra está a producir monocultivo de eucalipto xunto a outras especies pirófitas e invasoras e Lores considera que é preciso actuar porque "do monte depende a calidade do aire, que a terra reteña auga para ter solos fértiles...".

As actuacións que propoñen irán dende a eliminación de especies invasoras a plantacións de árbores autóctonas imprescindibles para que o monte teña distintos usos e que permita aumentar a súa riqueza como cos cogomelos. 

Tamén avanzou na necesidade de entregalos á cidadanía habilitando espazos de lecer, sendas, vías de traballo, ou actividades deportivas que sexan respectuosas co medio. De feito, fixo alusión á proba deportiva de ciclismo de montaña Catro Picos na que se soben os catro picos do concello e á que acoden deportistas de toda a península.

Fernández Lores tamén aproveitou para facer balance do traballo realizado. Así, despois da vaga de lumes de 2006, o Concello entendeu que o monte non era un problema só dos propietarios particulares ou das comunidades de montes, senón que tiñan que actuar e puxo en marcha o Plan monte vivo no que plantaron máis de 400.000 árbores en colaboración coas comunidades de montes, e fixeron 18 proxectos. 

Tamén lembrou que no último mandato fixéronse dous parques forestais de 400 hectáreas na Fracha en colaboración coas comunidades de montes de Tomeza, Marcón e Canicouva, e o parque da Tomba en Campañó.